Aseguran os responsábeis de ENCE que a modificación do Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal (PSIS) que tramitan diante da Xunta de Galicia, non vai supor o aumento da produción de pasta na fábrica de Lourizán; nese caso, preguntámonos que estraña razón pode levalos a afirmar o contrario nos documentos sometidos a exposición pública.
Así, na páxina 143 do Estudo Ambiental Estratéxico (EAE), din que a execución da modificación solicitada “permitirá incrementar la producción de la instalación”, un aumento que, de forma indirecta, recoñecen tamén cando aseguran que o consumo de madeira de eucalipto pasará de 1.316.743 t/ano (dato do ano 2020) a 2.100.000 t/ano. Tendo en conta que no 2020 produciron 434.718 t de pasta, pódese considerar que a produción nas novas condicións podería acadar as 693.300 t/ano, ou mesmo valores superiores xa que a tendencia actual é a de diminuír a relación “t madeira/t pasta”. Ademais, na páxina 176 do amentado documento, din que o consumo de auga vaise incrementar coa execución da modificación, aumento que segundo indican non vai superar os 14.000.000 m3/ano; fixan o consumo nos 20 m3/t, dato que permite deducir que a produción de pasta podería chegar até as 700.000 t anuais, o que suporía un importante aumento da produción verbo da actual.
Por se non abondase con estes datos para certificar o aumento real da produción nas novas condicións propostas, citaremos o recollido na páxina 187 do EAE ao respecto da contaminación atmosférica: “… la mayor producción de la planta conllevaría un incremento de las emisiones”, aumento que recoñecen de novo unhas liñas máis adiante ao falar da caldeira de recuperación: “… y como poseerá una mayor producción logicamente la emisión de contaminantes por este foco será superior”. O mesmo podemos dicir no relativo á xeración de residuos, apartado no que se afirma (páx. 189) que “se prevé un incremento en la generación de residuos por el incremento de la capacidad productiva de la planta…”, ou ao aumento do caudal de vertido, para o que se afirma (páx. 177) que viría provocado “por el incremento de la capacidad productiva…”
Admítese pois, neste documento, que no caso de levarse adiante a modificación, produciríase o aumento da produción e o consumo de eucalipto, pero tamén o do consumo de auga, do caudal de vertido, da contaminación á Ría e á atmosfera, da xeración de residuos,… aspectos todos eles denunciados pola nosa Asociación e negados agora -sen aportar proba ningunha- polos responsábeis fabrís.
Convén lembrar que este aumento da produción (e o das emisións que leva aparellado) incide de forma negativa sobre o cambio climático… É esta a contribución que pretenden facer ENCE e a Xunta de Galicia á chamada “Alianza Gallega por el Clima”?
Ver na imaxe a construcción actual en vermello e a proposta de ampliación en azul. Fonte ENCE