Vimos de ter coñecemento dunha nota de prensa na que Vdes. falan de nós e consideramos necesario precisar algunhas cousas ao respecto. Dirémoslle, en primeiro lugar, que a APDR non ten presentado alegación ningunha que teña relación coa modificación do Plan Sectorial de ENCE. Farémolo en breve e con argumentos baseados na análise rigorosa e pormenorizada da documentación elaborada por IDOM Consulting, Engineering, Architecture, S.A.U. Non dubidamos que, daquela, terán Vdes. puntual información. Nesta ocasión, limitámonos a dar a coñecer algún dos aspectos recollidos no estudo ambiental estratéxico (EAE) sometido a exposición pública pola Xunta de Galicia. Ten que nos desculpar se nese texto temos falado de modificación do “Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal” (PSIS) por vez de chamarlle PIA (“Plan de Incidencia Autonómica”), pero supoñémolos afeitos a estas mudanzas de nomes, pois Vdes., ao que sempre se coñeceu en Pontevedra como “A CHEIRULOSA” ou “A PEIDEIRA”, chámanlle agora BIOFÁBRICA…. Xa saben, os nomes mudan máis os cheiros non varían.
Debémoslle aclarar que nesa nota non falamos de “ampliación encuberta” da fábrica de ENCE, e temos que admitir que -de telo feito- estariamos faltando á verdade, porque da análise do EAE non se pode deducir tal cousa. Trátase dunha ampliación pura e dura, cun aumento da superficie ocupada pola planta (uns 8.000 m2), no consumo de eucalipto (de 1.316.713 a 2.100.000 t/ano) e, como consecuencia, no tráfico de camións (de 345/dia a 375/dia) e na produción da pasta, aumento non cuantificado no documento pero recoñecido na páxina 177 do EAE.
Neste sentido, tendo en conta este aumento da produción e que os datos de emisión de CO2, NOx, SO2 e partículas (táboa da páxina 213 do EAE) están expresados en función das toneladas producidas, as emisións totais destes contaminantes van superar ás actuais.
No que fai ao consumo de auga, faciamos referencia ao que di este documento na páxina 174, que transcribimos de seguido:
…el funcionamiento de la planta necesitará a corto plazo una cantidad de agua similar a la actual. A medio plazo es previsible un incremento del consumo de agua, sin alcanzar en ningún caso los 1,5 m3/s (129.600 m3/día) que actualmente tiene concedidos ENCE.
…es posible que por mejoras en la gestión del agua el consumo no se incremente por encima de los 14.000.000 m3 anuales.
Fai falta lembrarlle que desde o ano 2022 a Xunta tenlles limitado a captación de auga a 0,6 m3/s e que o seu consumo medio anual de auga para o período 2015-2020 (así consta no propio EAE) foi de 12.370.987 m3/ano?
Do mesmo xeito, e polo que fai á auga de vertido, reproducimos o que IDOM di na páxina 175:
La actuación conllevaría un aumento de caudal por el incremento de la capacidad productiva, pero con el incremento del caudal de agua recirculado, es posible que se pueda mantener un caudal de agua similar al vertido en el período 2015-2020.
O caudal medio para ese período foi de 34.163 m3/día, un caudal que -segundo Vdes.- é menor na actualidade. É este o xeito de cumpriren a súa promesa de rebaixar a captación de auga (e o volume de vertido) a 4.000 m3/dia?
É evidente que, tanto no consumo de auga como no volume de vertido, vaise producir un aumento significativo. Onde están, pois, as mentiras? Mentimos nós ou son Vdes. os mentireiros?