Nova crise ecolóxica na costa: vertido de pellets plásticos espallados por todo o litoral


Antecedentes

O pasado 8 de decembro o barco Toconao con bandeira liberiana perdía no mar, á altura de Viana do Castelo, 6 contentores da súa carga. O barco fretado por unha compañía india e transportado pola Maersk tiña como destino os Países Baixos. O material transportado son “pellets” de resina plástica frabicados pola empresa polaca Bedeko Europe. Esta empresa non se fai cargo da mercaduría, xa que a responsábel, segundo eles, é a empresa transportista.

O pasado 13 de decembro foron detectados os primeiros pellets na costa de Ribeira. O 14 o concello de Ribeira comunicáballe á Xunta a aparición destes restos, primeiro en sacos e despois, unha vez rotos, espallado o contido de pellets polas praias. O 20 de novembro, o goberno central informaba tamén a salvamento marítimo e aos gardacostas destes feitos. A Xunta negou descoñecemento de todo isto até o 14 de decembro (un mes máis tarde). Despois de culpar ao ghoberno central, acabou por declarar o nivel 1 de alerta do Plan Camgal (continxencias por contaminación mariña acidental).

Un novo Prestige?

Non parece que se trate de algo similar ao vertido provocado polo Prestige ou por outros vertidos de hidrocarburos acontecidos nas nosas costas. Porén non se pode quitar importancia ao perigo deste vertido por descoñecermos aínda como evoluirá o seu comportamento no medio e como afectará ao ambiente e aos seres vivos. Este produto é confundido polas aves, peixes e crustáceos como un alimento, sendo un problema para estas especies que poden morrer polo seu consumo. Tamén pode irse irse incorporando a outros animais a través da cadea trófica. Por outro lado a descomposición destes pellets en microplásticos acabarán tamén na cadea trófica sendo capaz de chegar ao consumo humano.

Mentiras, enganos e incompetencia

Encontrámonos de novo ante a incompetencia da administración da Xunta que esperou un mes para comezar a actuar e declarar o Plan Camgal. Non está ofrecendo soporte aos concellos e dotando de equipamento material e humano para a recollida dos pellets. Tampouco ofrecendo contentores específicos para a recollida e retirada deste material plástico para o seu posterior tratamento de maneira adecuada. Ademais o Plan Camgal declarado de nivel 1 (o máis baixo) non sabemos se é o adecuado para tratar este tipo de materiais e a magnitude do seu alcance de dispersión na costa.

As primeiras declaracións das empresas propietarias da carga, do material transportado, dos fabricantes… promete que a loita nos tribunais será longa e que as empresas e aseguradoras se estarán pasando a pelota da responsabilidade de unhas a outras nun proceso legal que se prevé longo, tortuoso e de difícil solución. Lembramos que agora, 20 anos despois do desastre do Prestige, aínda está no limbo xurídico, e as indemnizacións, en caso de que finalmente se consigan, serán moito menores do que os custes provocados polo desastre ambiental.

Accións

Ante a inacción das administracións, a sociedade civil estase organizando para a recollida deste vertido. O seguimento realizado desde o 14 de novembro pola entidade Noia Limpa serviu para dar a coñecer o impacto dos vertidos e a súa extensión a través das redes sociais. O mapa de presenza dos pellets vaise actualizando diariamente grazas á aportación de multitude de persoas informadoras.

Moitas organizacións locais: Sachos á Rúa en Ribeira, Noia Limpa, Plademar (Plataforma para a defensa do mar de Muros e Noia) e a Plataforma de Defensa da Ría de Arousa (grupo de accións) están promovendo ou colaborando coas actividades de limpeza. Asociación ecoloxistas como Greenpeace Galiza que creou un decálogo de como actuar ou Adega que está preparando actividades de voluntariado en colaboración con concellos da zona (formulario de inscrición).

No comuninade de whatssapp de Limpeza de Praias, con xa máis de 20 grupos, estase informando de actividades de limpeza en toda a costa, de información sobre os pellets e como recollelos, así como a actualización do Mapa de lugares con presenza dos pellets e Mapa actualidado de lugares e horas onde se están realizando as intervencións de limpeza: https://chat.whatsapp.com/LffsUP4Cem80UWMti0yuRv

Este grupo chegou a máis de 800 persoas voluntarias en menos de 24h. o que demostra de novo, como no caso do Prestige, a conciencia ambiental e a preocupación ante o desastre e a necesidade de actuar persoalmente ante a incompetencia da Xunta de Galiza.

Como actuar?

Cremos que é conveniente actuar, na medida do posíbel, dentro das accións de entidades organizadas con disponibilidade de material de traballo e de recollida de pellets e o seu tratamento. Aínda así, sabemos que moita xente o vai facer de maneira voluntaria e autónoma polo que é importante ter en conta as indicacións que figuran na imaxe máis abaixo.

Continuaremos facendo seguimento e informando nas redes. As persoas que queiran colaborar poden poñerse en contacto coas entidades que indicamos máis arriba que xa están levando adiante as accións de recollida.

Federación Ecoloxista Galega, 07/01/24

Mapa de pellets na costa do día 6 de xaneiro de 2024 publicado no grupo de Limpeza de Praias e realizado por Luís Fresco

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print