O vertido que puidemos observar o pasado 29 de Agosto na Praia do Padrón (Combarro) pon de releve carencias graves no saneamento de Poio, un saneamento que, pola situación que atravesa, require a adopción de medidas de calado.
Neste sentido, desde a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) consideramos moi negativo que se pretenda adoptar parches ante un problema tan serio como é o saneamento da Ría. Non só porqué esteamos baixo a ollada atenta de Bruxelas, senón tamén porque Poio é unha zona altamente dependente da pesca e o marisqueo e afecta a nosa imaxe así como a algo moi serio como é a alimentación.
Precisamente, este vínculo artesanal-gastronómico-paixasístico é un dos piares da segunda actividade máis importante de Poio: a hostalería. Por iso non se concibe que se produzan verquidos de augas fecais nunha praia pública e por riba dun banco marisqueiro.
Dende a APDR esiximos que o Goberno Municipal de Poio deixe de buscar escusas (a inexistencia de planos, a acción das mareas) e acometa con decisión a solución ao problema dos verquidos das augas fecais en Combarro, un aspecto que prometeu abordar no seu Programa de Goberno.
Entendemos que o PP, unha vez que está no Goberno municipal, debe acometer melloras na instalación da rede de saneamento na zona de Combarro, unha rede que ten quedado obsoleta despois de 40 anos sometida a un medio hostil como a auga salgada.
Xa por último, facemos un chamamento aos colectivos sociais interesados no tema para manter contactos que permitan abordar de forma colectiva o problema do saneamento da Ría e outros asuntos de interese na contorna.