Estivemos de Marcha contra Celulosas: Non renunciamos a un futuro sen ENCE na Ría!!


Co lema xeral “NON RENUNCIAMOS A UN FUTURO SEN ENCE NA RÍA”, o domingo 25 de xuño de 2023 realizamos unha nova MARCHA CONTRA CELULOSAS

Ver o manifesto lido ao remate da marcha:

MANIFESTO POLA DEFENSA DA RÍA

Non renunciamos a #UnFuturoSenEnceNaRía

Na era do Antropoceno na que vivimos, cada un de nós atesoura a lembranza dunha paisaxe que viu desaparecer ao longo da súa vida. En cambio, a lembranza dunha paisaxe recuperada é unha rara excepción. ¿Quen decidiu a desaparición desas paisaxes, e por que?

Hai quen considera que so existe un modelo único do mundo, baseado na economía, no crecemento infinito e na explotación sen límites da natureza. Queren convencernos de que non hai alternativa, e que calquera barreira a estes principios implica atraso e pobreza.

Primeiro, na vaga de industrialización da ditadura destruíron con crueldade e ignorancia os recursos naturais comúns.

Logo, os seus herdeiros practicaron dilixentemente o credo da extracción do máximo beneficio para esterilizar e apropiarse da paisaxe.

Agora, aplican a “Lei coma indulto preventivo” para así “lexitimar por lei a violación da lei”[1]

A miopía desta visión “extractivista” mesmo exclúe os procesos biofísicos, críticos para a adaptación e mitigación na actual emerxencia climática. O determinismo económico globalizador ignora con desdén a importancia ecolóxica do litoral e as marismas, ao mesmo tempo que impide calquera alternativa de uso, máis sensible co medio, máis xusta, en prol do sustento da poboación local e da supervivencia global.

Non existe un dilema entre o social e o ecolóxico, xa que a sociedade é parte do ecosistema. A confrontación é entre, por un lado a elite extractivista e parasitaria, que se apropia do común e reparte dividendos millonarios a uns poucos, e por outro lado, a preocupación polo benestar colectivo, a mellora das condicións de vida da sociedade actual e tamén das xeracións futuras.

Quen coñeza a historia da nosa ría, coñece as consecuencias de exceder os límites ecolóxicos. A presenza da Celulosa durante 60 anos non foi inocua. O recheo destruíu a praia Lameira, a do Sartán, sepultou o banco marisqueiro, as pedras Carneiras, canalizou os regos de Praceres, O Rozo, Lourizán e Louriñas, contaminou o chan, a auga e o aire de toda a comarca.

Durante unha longa noite de 60 anos a ría foi secuestrada. Décadas nas que Pontevedra foi coñecida coma a cidade do cheiro da Celulosa.

Os tres quilómetros de beiramar tornados en chemineas e pozas fumeantes, máis unha autopista para que mil camións cheos de eucaliptos alimenten ao Xerión de lata, coma un sacrificio do monte galego para os que deuses do papel, satisfeitos, esparexen as migallas do seu festín.

60 anos de secuestro da paisaxe da ría, aquela que Otero Pedraio describiu coma unha síntese admirable da Paisaxe Galega, onde o mar informe, colle forma enchendo con harmonía o vaso de cunca de granito labrado. Para entender Galicia, explicaba, hai que estudiar a luz do Atlántico na ría, nos seus rochedos e areais [2]…Máis non é posible facelo xa dende os Miradoiros extraordinarios do Monte do Sino, o do Rozo, ou o miradoiro do Alto do Pornedo sen sentir arrepío pola sinistra presenza da Celulosa.

Agora, a elite extractivista, a través das súas terminais nos poderes do estado queren estender a usurpación outros 60 anos, ou 100, ou 200… porque un sinxelo trámite burocrático parece bastar para lexitimar sine díe a ocupación do Dominio Público.

Fronte a isto hai que dicir que non, hai que dicir basta xa, hai que dicir nunca máis! Hai que defender a paisaxe porque paisaxe é cultura, é riqueza e é saúde.

Xa van varias xeracións para as que a ría de Pontevedra ten un burato negro de 50 hectáreas. E mesmo hai quen ten dificultade en valorar o potencial real de Lourizán, e son indiferentes cando non favorables a presenza da pasteira, asoballados pola propaganda da elite extractivista. Non é doado valorar o que non se coñece, e non é doado imaxinar o que se perdeu.

Por iso, traballamos para darlle forma a un futuro alternativo para Lourizán.

O primeiro paso cara a rexeneración da paisaxe é recuperar a súa lembranza, a súa morriña o seu desexo.

Aínda que non podemos recuperar o litoral tal coma era, é posible rexenerar a súa esencia, o seu carácter.

É posible revivir o banco marisqueiro.

É posible a praia de case 2 quilómetros.

É posible a península do Cabo, nos Praceres.

É posible calmar e reducir o tráfico, así coma humanizar o viario.

É posible crear 5km de paseos na beiramar con máis de 1.500 árbores.

É posible revalorizar os núcleos da Gandarela, A Igrexa, O Sartán, O Rozo, Freixeiro, Meán, As Nogueiras e Os Praceres.

É posible protexer o patrimonio natural do Ameneiral da Gandarela, a súa gándara e recuperar o espazo intermareal da Enseada dos Praceres

É posible conservar e poñer en valor o patrimonio cultural dos petroglifos da Pedra do Casal, da vila romana do Sartán, e finca e a contorna do Ben de Interese Cultural Pazo de Lourizán.

É posible rehabilitar a Paisaxe da Ría.

Non caiamos no fatalismo, non asumamos o espolio. Vaga a pena loitar por este paraíso roubado.

Pontevedra, 25 de xuño de 2023

Jorge Rodríguez Álvarez
Prof. Titular Urbanística e Ordenación do Territorio
Universidade da Coruña

[1] Salvatore Settis (2010) Paesaggio costituzione cemento: la battaglia per l’ambiente contro il degrado civile. Torino: Einaudi.
[2] Ramón Otero Pedrayo (1955) Ensaio sobor da Paisaxe Galega. Editorial Galaxia.

Ver vídeo da intervención previa de Antón Masa, en nome da APDR en: https://www.facebook.com/defensadaria/videos/1769032070180345/

Ver vídeo da lectura do Manifesto por Jorge Rodríguez en: https://fb.watch/lp6FGh4cBe/

Ver vídeo da xente chegando a ENCE (autoría greenpeace galicia):

Ver Galería de fotos de Aquilino Valiño en: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.568249952134719&type=3

Ver Galería das fotos recibidas en: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.569303648696016&type=3

Contenido relacionado:

As razóns dunha nova “Marcha contra Celulosas”

A “APDR” convoca unha nova “MARCHA CONTRA CELULOSAS”

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print