A “APDR” convoca unha nova “MARCHA CONTRA CELULOSAS”


Baixo o lema xeral “NON RENUNCIAMOS A UN FUTURO SEN ENCE NA RÍA”, a “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), vén de convocar unha nova MARCHA CONTRA CELULOSAS para o DOMINGO 25 DE XUÑO ÁS 12 HORAS e -como de costume- con saída das alamedas de Marín e Pontevedra.

Esta nova mobilización enmárcase na liña de actuación iniciada coa edición anterior, na LOITA POLO FUTURO da comarca, un futuro que non ten volta atrás e que pasa inevitabelmente pola saída de ENCE da Ría. Porque Pontevedra ten dereito a recuperar o seu medio ambiente, a súa economía e a súa saúde e calidade de vida.

Este futuro, que algúns se empeñan en negar, ten que vir da man da explotación racional das infinitas potencialidades da Ría e da diversificación dos usos dos montes da comarca, hoxe estragados pola política forestal deseñada pola Xunta en beneficio exclusivo de ENCE. Trátase de recuperar o noso medio pero, tamén, un modelo económico máis xusto e equitativo que posibilite a creación de numerosos postos de traballo en actividades hoxe impedidas pola presencia da fábrica en Lourizán.

Na Asociación Pola Defensa da Ría, non renunciamos a este futuro, e ningunha decisión xudicial arbitraria e inxusta como a recentemente ditada polo Tribunal Supremo nos vai impedir seguir loitando por recuperármolo. Porque ENCE non pode seguir ocupando a zona de dominio público roubada á Ría hai case 70 anos, unha zona que é propiedade de toda a cidadanía.

Nesta nova Marcha, queremos transmitir á cidadanía da comarca, máis tamén á de toda Galiza, que seguen existindo moitas vías legais para impedir a perpetuación da empresa na nosa Ría, e que desde a APDR non imos regatear esforzos para utilizalas. Mantemos íntegra a nosa convicción de que, chegado o momento, a Xustiza daranos a razón e confirmará a nulidade da prórroga de 60 anos a ENCE. En calquera caso, e en tanto non se produza esta inevitábel solución, seguiremos mobilizando a toda a sociedade que, con nós e desde hai moitos anos, fixo bandeira da oposición á presenza de ENCE na nosa Ría. Seguiremos deseñando ese ansiado futuro, ese futuro que reivindicamos nesta nova MARCHA CONTRA CELULOSAS e que, con seguridade remataremos por construír.

Con este obxectivo, a propaganda editada nesta ocasión, fai referencia ao traballo realizado pola Escola Superior de Arquitectura da Coruña en colaboración coa nosa Asociación e o Concello de Pontevedra, un excelente traballo que deixa patente que é posíbel recuperar a zona da Ría roubada no seu día pola Celulosa, e superar así o freo ambiental, económico e social que supón a presenza de ENCE na Ría. Por esta razón, Jorge Rodríguez, director da equipa redactora deste traballo, será a persoa encargada de ler o comunicado final na Marcha.

Rematada a MARCHA, haberá unha festa-polbada na alameda de Pontevedra, como noutras ocasións con prezos populares.

Ver vídeo que reflicta o proxecto realizado pola Escola Superior de Arquitectura da Coruña e deixa patente que é posíbel recuperar a zona da Ría roubada no seu día pola Celulosa, e superar así o freo ambiental, económico e social que supón a presenza de ENCE na Ría:

Ver galería de fotos da campaña:

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print