Presentamos alegacións á senda peonil/ciclista de Mollavao a Praceres


A “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), presentou alegacións ao proxecto de senda peonil e ciclista que a Xunta de Galicia pretende construír pola marxe dereita da estrada PO-546, no tramo Mollavao-Os Praceres.

Vaia por diante que na APDR apostamos polo benestar das persoas e pola defensa do medio; así pois, estamos polo fomento dos desprazamentos peonís ou en bicicleta nas cidades e vilas, fronte ao uso esaxerado do automóbil e o consumo dos recursos fósiles. Concordamos na necesidade de adoptar medidas que vaian nesa dirección, pero esta posición de principio non nos pode levar a aceptar, de forma acrítica, calquera proxecto de senda peonil ou ciclista; será necesario que cumpran certos criterios que, para nós, son imprescindíbeis.

Neste sentido, e entre outras, presentamos as seguintes alegacións:

1.- O proxecto deberá adoptar as medidas necesarias para garantir os lexítimos dereitos da veciñanza, como os accesos co automóbil aos garaxes particulares e/ou cos vehículos a motor ou utensilios de traballo ás fincas da contorna.

2.- Deberase modificar o ancho da senda para acadar os 5 m considerados como mínimo pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. A senda proposta, terá 4 m de ancho nos tramos de maior anchura, existindo zonas ou tramos dun ancho sensibelmente inferior (de tan só 2,90 m nalgún caso), unha anchura claramente insuficiente para ser compartida por peóns e bicicletas.

3.- O trazado proposto, discorre polas inmediacións da fábrica de ENCE en Lourizán, a zona co maior índice de emisións de gases contaminantes, coa maior emisión de ruído e co menor atractivo visual de toda a contorna; así pois, non poderá asegurar que o ambiente ao que se someta ás persoas usuarias sexa saudábel e libre de contaminacións e ruídos que poidan incidir negativamente na súa saúde, nin garantir o dereito á paisaxe, criterios fixados pola Axencia Galega de Infraestruturas para asegurar que as sendas sexan atractivas para a veciñanza.

4.- Deberíase ter considerado tamén que a estrada PO-546 ten un volume de tráfico viario moi intenso que -de acordo co recollido no proxecto- vai seguir medrando de forma moderada nos próximos anos e ao que contribúe de forma importante o tráfico de camións, unha nova fonte de emisións de gases de efecto invernadoiro e ruído que incidirá negativamente sobre a saúde das persoas usuarias da senda e sobre o seu benestar e tranquilidade.

5.- A senda terá que salvar o leito dos ríos Louriñas e Sartán, polo que no proxecto previuse a construción de dúas pasarelas. Nada se di sobre o posíbel impacto ambiental no proceso de construción, instalación, movementos de terra ou intervencións sobre o leito do rio, un aspecto fundamental á hora de tomar unha decisión sobre a aprobación ou non do proxecto.

6.- Inclúese no proxecto a execución dunha glorieta á altura do acceso á Finca de Lourizán, unha glorieta que nada ten que ver coa realización da senda peonil e ciclista, polo que non debería tramitarse como parte do proxecto que nos ocupa.

En base a estas consideracións, solicitamos:

1º.- Que se desista de realizar a senda polo trazado previsto mentres estea ENCE no seu actual emprazamento.

2º.- Que, de non ter en consideración a nosa anterior solicitude, se tome a decisión de prohibir o tráfico pesado na estrada PO-546 para minimizar os niveis de ruído e contaminación atmosférica que incidirían moi negativamente na cidadanía usuaria da senda.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print