O 7 de xuño presentamos na Peregrina a nova…
… MARCHA CONTRA CELULOSA o vindeiro DOMINGO 19 DE XUÑO ÁS 12H, SAÍDA DAS ALAMEDAS DE MARÍN E PONTEVEDRA.
ENCE XA É PASADO … CUMPRE AGORA LOITAR POR RECUPERARMOS O FUTURO!
Cando en 1958, o goberno franquista autorizaba a instalación da celulosa en Lourizán, na Ría de Pontevedra, e na comarca enteira, empezouse unha carreira de destrución ambiental, económica e social que hoxe é máis que evidente. Aquela inaceptábel decisión levou, de forma progresiva, lenta e desapiadada, á perda do futuro da nosa Ría.
Pero hoxe, froito da mobilización social, que desde o primeiro momento fixo bandeira da oposición á presenza da fábrica en Lourizán e que desde 1987 organízase arredor da “Asociación Pola Defensa da Ría” (APDR), ábrese unha xanela pola que se pode asexar ese futuro que nunca se debeu ter perdido. A saída de ENCE da Ría non ten volta atrás e o ansiado futuro está ao alcance das nosas mans.
Tócanos agora deseñar ese futuro, recuperar o roubado para que a nosa Ría, a comarca enteira, sexa quen de recuperar o seu medio de vida, a saúde e a calidade de vida , un futuro baseado na explotación racional das infinitas potencialidades da Ría e na diversificación dos usos dos montes da comarca, hoxe vítimas da espoliación de ENCE, e que posibilitará a creación de numerosos postos de traballo nestas actividades hoxe impedidas pola presenza da fábrica ilegal.
Esta nova MARCHA CONTRA CELULOSAS ten que ser un acto festivo, unha demostración do nosos optimismo, e a celebración da vitoria cidadá fronte a ENCE e quen, como a Xunta do PP, insisten en perpetuar un modelo fracasado e o desastre ambiental e social que ten provocado, e que non teñen límites á hora de buscar subterfuxios para burlar a Lei na busca do beneficio propio e contra o dereito do conxunto da cidadanía a desfrutar do dominio público.
GAÑAREMOS O FUTURO … PORQUE É DE XUSTIZA!
PARTICIPA NESTA NOVA MARCHA CONTRA CELULOSAS
E, AO REMATE, NO XANTAR NA ALAMEDA DE PONTNTEVEDRA
(prezos populares)
Mira e comparte os VÍDEOS que chaman a participar na Marcha: