A redución da captación de auga a ENCE: tarde, mal e arrastro


A Xunta de Galicia -segundo comunicou dende Augas de Galicia- vén de fixar medidas restritivas a ENCE no que fai ao volume de captación de auga do Río Lérez, reducindo nun 60% a concesión respecto daquela outorgada á empresa nos anos 1958 e 1968, que ascendía a 1,5 m3 /s. e que agora pasará a ser de 0,55 m3 /s.

Evidentemente, calquera redución no consumo de auga é benvida para unha organización como a APDR que ten entre os seus obxectivos a diminución do gasto enerxético e dos recursos naturais de primeira necesidade; porén, esta redución na captación da auga do Lérez a ENCE non nos pode satisfacer de cheo. En primeiro lugar, porque chega tarde, porque ENCE leva demasiados anos facendo un enorme gasto de auga, e non se xustifica ter agardado tanto para tomar esta decisión necesaria. En segundo lugar, porque chega mal, porque a rebaixa quédase moi curta. ENCE tiña unha concesión que lle permitía consumir 129.600 m3 /día, estivo consumindo -segundo datos da propia empresa- arredor dos 60.000 m3 /día até ben entrada a década dos 90 e, tal como di agora Augas de Galicia, 47.520 m3 /día como media na actualidade. Se temos en conta que ENCE comprometeuse coa Xunta no ano 2016 a rebaixar este consumo até os 4.000 m3 diarios, limitarlle agora a captación aos 28.512 m3 /día (0,55 m3 /s.), supón na práctica, permitirlle un consumo 7 veces maior ao que a Xunta debería esixir en cumprimento daquel compromiso. E, finalmente, porque chega arrastro das esixencias de ENCE; non se toma a decisión en función danecesidade de preservar a auga necesaria para outros usos, senón que se mantén a prioridade das “necesidades reais” de ENCE por diante dos usos das poboacións da comarca.

Tal como vén facendo desde a chegada ao Goberno da Xunta de Galicia, o PP segue amosando unha absoluta submisión aos intereses da empresa, defendendo a súa permanencia en Lourizán en contra da razón, da legalidade e das decisións xudiciais, ás que pretende burlar buscando -da man de ENCE- falsas solucións administrativas.

Desde a APDR esiximos a modificación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) de ENCE para fixar, como se persegue na norma que regula aquela figura administrativa, uns valores límite para vertidos á Ría, emisións á atmosfera, ruídos e cheiros, que non superen -como ocorre na AAI actual- os establecidos na lexislación pero, tamén, un control estrito dos consumos enerxéticos e dos recursos naturais.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print