As afirmacións de Rafa Domínguez: perversidade ou simple ignorancia?


Tennos acostumado o portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, ás súas afirmacións gratuítas, que nada teñen que ver coa realidade. Porén, as realizadas nestas últimas datas en relación coa admisión polo Tribunal Supremo (TS) dos recursos de casación de ENCE e outras 10 entidades contra unha das sentenzas da Audiencia Nacional (AN) que anularon a prórroga da fábrica de pasta de papel, indican que a súa imprudencia e insensatez, non teñen límite.

Non acertamos a entender se realmente agochan algún tipo de perversa estratexia ou se -como tememos- son simplemente froito da súa absoluta ignorancia. Como entender senón a conclusión de que “A partir de ahora, nadie puede decir que la fábrica está ahí de forma ilegal…”? En que tratado de dereito basea tan disparatada conclusión?

No seu desaforado desexo de defender os intereses empresariais (que, por certo, nada teñen que ver cos dos traballadores e traballadoras), atrévese a obviar que existen dúas sentenzas máis que como a referida, anulan a prórroga de ENCE e que a inadmisión dos recursos de casación presentados en calquera de estas dúas, abondaría para facer firme a sentenza da AN; pero, sobre todo, eleva en modo inimaxinábel a transcendencia xurídica dun simple acto procesual poñéndoa ao mesmo nivel que a dunha sentenza firme. Descoñece acaso que, unha vez admitidos a tramite estes recursos, o TS terá que fallar sobre o asunto que realmente importa e ratificar ou non o fallo emitido no seu día pola AN? Neste sentido, e entanto non haxa unha decisión firme contraria ás tres sentenzas da AN, calquera pode dicir que ENCE está emprazada ilegalmente en Lourizán, xa que iso, e non outra cousa, é o que di a AN en base á lexislación vixente. E agardamos que o Alto Tribunal, en base a esta lexislación, resolva no sentido de que ENCE, pola súa natureza -non pola comenencia, intereses ou mesmo pola súa transcendencia social e/ou económica- non pode estar emprazada en terreos de dominio público marítimo-terrestre.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print