Vimos de ler as declaracións realizadas polo Presidente da Xunta, Sr. Núñez Feijóo, nas que, entre outras moitas cousas, fala do futuro da planta que ENCE ten na parroquia de Lourizán, en terreos de dominio público marítimo-terrestre.
No seu desmedido interese por favorecer a ENCE, que contrasta co desleixo que amosa no caso doutras actividades en crise, deixa caer que “se ENCE abandona esa zona, 5.000 familias deixarían de vender a madeira que hoxe venden”; sen entrar a valorar a cifra, que varía en función de quen manexe o dato e das necesidades que ENCE -e a propia Xunta- teñan de exercer presión sobre a cidadanía e as administracións, temos que dicir que ninguén que coñeza o sector, e a pouco que sexa imparcial, poderá defender esta teoría. Porque o feito de que ENCE teña que abandonar a zona de dominio público non implica necesariamente que non se poida establecer outra fábrica (de ENCE ou de quen aposte por facelo) noutro emprazamento. Pero, ademais, ENCE-Pontevedra non é a única fábrica de pasta que pode absorber o eucalipto galego. Navia e Aveiro están desexando poder adquirir maior volume de eucalipto galego do que hoxe adquiren.
Pero máis alá desa cuestión, parécenos altamente irresponsábel que o Presidente da Xunta de Galicia, ao que se lle supón respecto pola legalidade e pola defensa da verdade, siga mantendo que o Informe do Consello Consultivo de Galicia (CCG), avala a adscrición de ENCE á Autoridade Portuaria de Marín. Citaremos as súas palabras resaltando a parte na que o Sr. Núñez mente:
“Se nos pidieron propuestas legales y las hicimos: un informe del Consultivo que nadie cuestionó para ampliar la zona portuaria de Marín e introducir allí Ence y los terrenos adyacentes”.
Mente o Sr. Feijóo cando di que o CCG afirma que é legal adscribir ENCE ao porto de Marín; nin o fai nin podería facelo porque non é certo e, ademais, porque tampouco o Sr. Feijóo lle pediu que se manifestase sobre ese particular. O Presidente da Xunta solicitoulle un Informe sobre a “posibilidade de adscrición dos terreos de Lourizán á Autoridade Portuaria de Marín”; e diso fala o amentado Informe, e non da adscrición de ENCE ao porto. Mente o Presidente da Xunta e, de non ser un absoluto ignorante, sábeo.
No seu afán por presentarse diante da cidadanía como defensor do emprego (un aspecto moi rendíbel do punto de vista electoral), non ten reparos en enganar á cidadanía e aos traballadores e traballadoras de ENCE; atribúe o Sr. Feijóo a decisión de impedir a permanencia de ENCE en Lourizán a criterios políticos cando sabe perfectamente que existen criterios legais que imposibilitan esa permanencia en dominio público; non pode o Presidente descoñecer o artigo 32 da Lei de Costas, e menos aínda, considerar política a decisión da Avogacía do Estado de achantarse aos recursos contrarios á prórroga agora anulada pola Audiencia Nacional.
Resulta ofensivo, neste sentido, que pretenda comparar o Informe elaborado pola Avogacía do Estado no ano 2015 para avalar a decisión política do Goberno en funcións do PP, presidido por Mariano Rajoy, de conceder 60 anos de prórroga a ENCE, un Informe no que o letrado despacha en escasas cinco liñas toda consideración xurídica ao respecto, co elaborado no 2018 pola mesma Avogacía de Estado para xustificar o achantamento do Estado aos recursos presentados pola APDR, o Concello de Pontevedra e Greenpeace, que ao longo de 50 páxinas de consideracións documentadas con abondosa xurisprudencia, xustifica tal decisión.
ENCE non pode continuar en Lourizán, pero tampouco pode ser adscrita á Autoridade Portuaria; e moito menos cando esta “solución xurídica” pretende pasar por riba das sentencias ditadas pola Audiencia Nacional que anulan a prórroga e deixan á empresa sen concesión. Esta e non outra é a posición que o Sr. Feijóo, como Presidente da Xunta de Galicia, tería que defender. Porque só esta responde á legalidade.