CONCENTRACIÓN NA PEREGRINA, sábado 11 de decembro, ás 12h: “Na defensa das Montañas. EÓLICA ASÍ NON” ,


Secundando a convocatoria realizada a nivel galego pola Coordinadora “Eólica Así Non”, os colectivos que asinamos esta nota informativa chamamos á poboación da comarca a participar na CONCENTRACIÓN que o vindeiro sábado 11 de decembro ás 12 h terá lugar na PRAZA DA PEREGRINA de Pontevedra.

Baixo o lema xeral “Na Defensa das Montañas. Eólica Así Non”, queremos insistir na necesidade de paralizar todos os proxectos de parques eólicos actualmente en tramitación nos montes da nosa contorna, polo seu forte impacto ambiental, económico e social que suporía a súa instalación.

Queremos deixar claro que seguimos apostando polas fontes de enerxía limpas, pero entendemos necesario que o deseño e a planificación destes proxectos se fagan de forma participada, máis xusta coa sociedade galega, co noso rural e coa contorna ambiental. Do contrario, estariamos deixando en mans do oligopolio eléctrico o futuro do noso territorio, un futuro que só nós temos dereito a deseñar.

Fronte á actitude da Xunta de Galicia, que promete unha moratoria para os proxectos que inicien a súa tramitación no ano 2022, esiximos unha moratoria real desde xa, que afecte aos máis de 300 parques eólicos proxectados na actualidade para os nosos montes.

Neste sentido, esiximos o rexeitamento definitivo do proxecto eólico proposto para o monte Castrove e a súa retirada pola súa incompatibilidade cos valores ambientais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto e en evitación dos danos sociais e económicos que provocaría. Debemos ter en conta que a empresa promotora do parque eólico no Castrove pretende instalar aeroxeneradores de 200 m de altura, que van ter unha enorme incidencia negativa nos ecosistemas (brezais, turbeiras e bosques aluviais), na flora e na fauna, destruíndo a súa biodiversidade, e nos solos, que perderían a cuberta vexetal e, con ela, a fertilidade, o que os levaría a progresiva desertificación e á perda da súa funcionalidade e aptitude agrícola, gandeira e forestal.

NON AO PARQUE EÓLICO DO CASTROVE, ASOCIACIÓN POLA DEFENSA DA RÍA (APDR), VAIPOLORÍO, ADEGA-PONTEVEDRA, FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA (FEG)

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print