A Asociación Pola Defensa da Ría solidarízase co Liceo Mutante


Foto Facebook do Liceo Mutante

De acordo coa nota emitida polo Liceo Mutante, dita asociación cultural ven de recibir unha orde de cese de actividade no seu local social, dentro do que consideran un proceso de acoso sistemático ás súas actividades, así como de indefensión legal e burocrática.

Dende 2.011, o local social da Asociación Cultural Liceo Mutante, sito na Rúa Rosalía de Castro 100, é un exemplo de espazo cultural autoxestionado sen ánimo de lucro e de servizo á comunidade, que pon o foco da transformación social e o crecemento cultural na iniciativa cidadá, á marxe das institucións públicas, situando a Pontevedra no mapa da cultura alternativa.

O nacemento do Liceo Mutante, así como a súa localización no barrio de Mollabao, lonxe de ser unha molestia para a veciñanza, é un motor que revitaliza unha zona en decadencia que sempre contou co apoio veciñal na continuidade das súas actividades.

Segundo o Liceo Mutante, entenden que as repetidas queixas e denuncias recibidas polo Concello, que cristalizaron agora nunha orde de cese de actividade, lonxe de ser problemas de convivencia solucionables entre a veciñanza, teñen a súa orixe en comportamentos urbanísticos de tipo especulativo que asocian coas ofertas de compra aos inmóbeis abandonados lindeiros. Especialmente agora que se da por rematado o tempo de permanencia de ENCE na nosa Ría.

Dende a APDR, invitamos ao Concello de Pontevedra, por unha banda, a potenciar as iniciativas culturais dos colectivos sociais, tomando, como mostra e exemplo, a experiencia do Liceo Mutante, para comprometerse a explorar as formas de viabilidade deste centro social emblemático e levalas a efecto. Por outra banda, solicitamos ao Concello estudar, xunto cos colectivos sociais e a veciñanza, a existencia de comportamentos urbanísticos especulativos no barrio de Mollabao, e, no caso de confirmarse, artellar estratexias para neutralizarllos.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print