Novo vertido na Ría de Pontevedra


Ver fotografía do amentado vertido.

O pasado venres 19 tivemos noticia na APDR da presenza dun importante vertido á altura do varadoiro de Os Praceres; achegados ao lugar, e malia as dificultades para poder observar ben as súas características, polo seu aspecto semellaba que estamos diante dun vertido de pintura que, con seguridade, ten a súa orixe nos labores realizados no propio varadoiro.

Todo fai pensar, xa que logo, que se trata dun vertido procedente dos labores de pintura dalgún barco, mesmo no proceso de aplicación dalgún “antifouling”, unha tarefa coa que se persegue evitar que os organismos mariños se adhiran no seu casco e mantelo limpo. Son as pinturas coñecidas coma “patentes”, que na meirande parte dos casos teñen na súa composición metais pesados como o Cobre ou o Cadmio, metais que son moi perigosos para o medio ambiente natural pola súa elevada toxicidade e polo feito de se acumular ao longo da cadea trófica.

Segundo as informacións recollidas entre a veciñanza da zona, estes vertidos prodúcense con relativa asiduidade, sen que as autoridades tomen cartas no asunto, polo que desde a APDR facemos un chamado ás autoridades autonómicas con competencias nestes asuntos para que actúen con responsabilidade neste caso e eviten no sucesivo episodios semellantes, facendo recaer sobre os responsábeis as sancións que -no seu caso- sexan de aplicación.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print