Asunto ENCE: que ten mudado trala reunión Feijóo-Ribera?


A entrevista que mantiveron o pasado xoves a Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e o Presidente da Xunta, Núñez Feijóo, máis alá das interpretacións interesadas por parte deste último e do triunfalismo transmitido polos medios oficiais do Goberno galego, deixa as cousas practicamente igual que estaban.

De acordo coa información recollida nos medios de información e nos comunicados oficiais, o Sr. Feijóo propúxolle á Ministra Lourizán como emprazamento para ENCE, e a Sra. Ribera mantivo que a fábrica poderá seguir en Galiza sempre que cumpra a legalidade, é dicir, fóra dos terreos de Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT). De feito a Ministra pediulle a Feijóo que “colabore coa empresa na busca de posíbeis emprazamentos alternativos e facilite terreos viábeis para este novo emprazamento da fábrica”; e mantivo o compromiso de encargar un estudo que identifique solos aptos para este obxectivo, un compromiso expresado xa polo Secretario de Estado, Hugo Morán, na última mesa de diálogo.

Xa que logo, até aquí…NADA NOVO! Porque a “solución xurídica” que Feijóo di aportar ao oferecer un Informe elaborado polo Consello Consultivo de Galicia, non muda nada ao respecto. Moi ao contrario do que semella pensar Feijóo, este Informe (que non coñecemos na súa integridade) non pode sortear as sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga ilegal concedida polo PP á empresa, sentenzas que -unha vez firmes- deixarán a ENCE sen título habilitante para seguir na Ría. Trátase dun informe que non vincula a ninguén e moito menos ao Ministerio de Transición Ecolóxica que debe defender o ben común e a recuperación do DPMT. Ademais, mesmo no caso de adscribir os terreos de Lourizán á Autoridade Portuaria, unha opción que rexeitamos por ser contraria á recuperación integral da Ría, ENCE non podería seguir nesses terreos.

E, contrariamente ao que nos quere vender o Presidente Feijóo, o único avance da situación -que el mesmo sitúa na coincidencia en defender a permanencia de ENCE en Galiza- non supón un cambio de actitude por parte do Ministerio e moito menos un trunfo das posicións da Xunta.

Trátase do cambio de posición de Feijóo e o seu Goberno, que admiten agora un posíbel traslado fóra de Lourizán volvendo ás posicións que mantiñan no ano 2012 e distanciándose en certa medida da posición de “ou en Lourizán ou fóra de Galicia” defendida por ENCE e por CC.OO. no comité de oficinas centrais.

Desde a APDR mantemos o noso convencemento de que as sentenzas faranse firmes e o tempo de ENCE en Lourizán terá chegado ao seu fin, abríndose unha fiestra de esperanza a un futuro para a Ría, para a explotación racional dos recursos marisqueiros, turísticos e ao lecer, que dará paso ao despegue da economía da nosa comarca e á explotación racional dos montes galegos.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print