Despois da vosa lamentábel actuación no pregón das festas da Peregrina, un boicot que -como xa dixemos daquela- sitúavos claramente en contra da cidadanía de Pontevedra, dirémosvos que os vosos intentos por xustificala, resultan absolutamente noxentos, un auténtico insulto á intelixencia e unha nova agresión á cidadanía!
Despois dun enfrontamento coas autoridades municipais e coas persoas que alí estabamos, que para non usar palabras máis grosas cualificaremos de agresivo e violento, pero tamén de ordinario e soez, pretender xustificar a vosa actuación dicindo que foi un acto simbólico, que non queriades molestar á veciñanza, é simplemente cinismo! E tratades de xustificar o boicot á pregoeira pola súa suposta posición anti-ENCE! Pero, quen sodes vós para dicir o que cada quen pode ou debe pensar ou defender? Non sabedes aínda que a inmensa maioría da cidadanía, o exprese ou non, é contraria á permanencia de ENCE na Ría, unha posición absolutamente lexítima que, ademais, está baseada no feito incontestábel de que a continuidade de ENCE en Lourizán é ilegal?
Como vos atrevedes a dicirlle á cidadanía de Pontevedra que “ten que espertar”? Pontevedra está ben esperta, cousa distinta é que non pense coma vós! só vós e “parte dos bandullos agradecidos” a ENCE polas esmolas recibidas, pensades que o mundo xira ao voso arredor! Porque a forza de repetir que ENCE xera milleiros de postos de traballo directos, indirectos e inducidos, que é o motor económico da comarca e que se marcha da Ría será o caos para a comarca, rematades por crelo! Pero a meirande parte da xente sabe o que hai e, sinceramente, está farta de ter que aturar a ENCE, as súas agresións ambientais, e as súas chantaxes!
E, como podedes achacar as accións violentas do pasado sábado á “perda dos papeis” por parte dalgún traballador, a actos “espontáneos” froito da tensión do momento? calquera que teña estado alí puido ver que foi algo premeditado e perfectamente planificado! As tarefas estaban claramente distribuídas entre os distintos operarios, entre os que había varios que ían perfectamente equipados para o lanzamento de artefactos explosivos, entre eles o que lanzou -de forma evidentemente intencionada- un destes artefactos contra as persoas que ocupaban o palco, un acto que cualificades de casual! Animámosvos a que miredes o video que recolle a este “espontáneo” no momento da súa actuación!
De verdade, non se vos cae a cara de vergoña ao dicir que os incidentes foron provocados pola cidadanía anti-ENCE convocada expresamente con esta finalidade? Tamén vos sentistes ameazados polos nenos e nenas da escola de música onde imparte aulas a pregoeira, que tiveron que abandonar a alameda asustadas e chorando pola vosa culpa?
Deberiades decatarvos de que non estades en condicións de amosarvos prepotentes fronte á cidadanía! Que eses comportamentos aos que estades afeitos, e cos que quedastes retratados co violento boicot ao pregón, coas agresións ás autoridades e coas vosas declaracións posteriores, non se compadecen coas reclamacións de solidariedade á cidadanía que afirmades perseguir, unha solidariedade que, por certo, nunca tivestes vós con ninguén!
Xa por último, lembrarvos máis unha vez que a responsabilidade da vosa situación laboral recae na propia ENCE, por se negar a cumprir a Lei poñendo en perigo os vosos postos de traballo coa máxima de “ou Lourizán ou nada”; no PP, que apoia este comportamento da empresa e que nesa defensa submisa dos seus intereses, concedeu a prórroga ilegal agora anulada xudicialmente; e no deseño e os obxectivos da vosa loita, que dirixides contra actores que nada teñen que ver no asunto! Esquecedes que o inimigo o tedes na casa, non no Concello ou na Deputación, pero tamén que a loita obreira é lexítima cando defende dereitos laborais, non cando -como a vosa- persegue a consecución de privilexios empresariais!