Debemos recoñecer que as declaracións do Conselleiro de Industria, Sr. Conde, sobre a mesa de hai uns días en Madrid para tratar o tema de ENCE, producíronnos unha profunda repugnancia polo que teñen de utilización interesada da mentira. Pero, ao tempo, unha enorme tristura porque son o fiel reflexo da mediocridade dos nosos representantes autonómicos.
Partindo dunha premisa absolutamente falsa, que formula como “o goberno fixo a Lei de Cambio Climático para pechar ENCE”, unha afirmación que -agás no caso dunha ignorancia absoluta da lexislación vixente- sabe que é falsa, trata de xustificar a permanencia da fábrica de pasta de papel no seu actual emprazamento en terreos de dominio público marítimo-terrestre. Porque sería certamente insultante que un representante da Xunta de Galicia descoñeza que o tempo de permanencia en dominio público, incluídas as posíbeis prórrogas, ven limitado a 75 anos pola Lei de Patrimonio das Administracións Públicas de 2003, sexa cal sexa a actividade ou instalación de que se trate, e que -ademais- a Lei de Costas de 1988 (modificada polo PP en 2013) reserva o dominio público marítimo-terrestre para aquelas que, pola súa natureza, non poidan estar noutro emprazamento! Así pois, con ou sen Lei de Cambio Climático, ENCE tería que abandonar o seu actual emprazamento. Mesmo se a Audiencia Nacional establece o fin da prórroga no 2033, no que se cumpren os 75 anos da concesión, é discutíbel que poida permanecer en Lourizán até esa data por ser contrario á Lei!
E, no colmo do cinismo, asegura o Sr. Conde que non existe en Galiza ningún emprazamento alternativo onde se poida trasladar ENCE, para aceptar de seguido que, “no caso de que o goberno aprobe a creación dun consorcio público-privado para o sector forestal galego, tería sentido falar dun emprazamento alternativo”. É dicir, se paga o Estado (ou busca o financiamento), non hai problema para realizar o traslado! ENCE, como calquera empresa privada, debe asumir o seu traslado sen contar con fondos do Estado, e máis cando -podendo facelo- non solicitou fondos europeos para realizar esta operación.
Admite que a Xunta foi á mesa só para defender a prórroga de ENCE até 2073, algo que -como xa vimos- vai contra a legalidade vixente, e trata de debuxar unha situación caótica para a comarca de Pontevedra no caso do peche de ENCE, a quen atribúe un peso económico na comarca que pouco ten que ver coa realidade. ENCE ten provocado a perda de centos de postos de traballo no sector marisqueiro, impide a explotación racional dos recursos naturais, deportivos e turísticos e ten levado aos montes galegos a unha situación que, mesmo desde o exclusivo punto de vista da creación de riqueza e postos de traballo, é negativa. Até tal punto isto é así que a recuperación da Ría e a creación de emprego en todos estes sectores, só será posíbel coa saída de ENCE de Lourizán. 370 postos de traballo directos (dos que só 270 están na fábrica) non poden hipotecar o futuro da comarca nin a nosa calidade de vida!
E, por favor, deixen de axitar coas 5.000 familias dependentes de ENCE! As familias vinculadas hoxe á produción de madeira seguirían comercializándoa nas fábricas de Navia e Aveiro, como xa fan moitas na actualidade, e verían abertos novos nichos de mercado. Nunha Ría saneada sería posíbel a instalación de novas bateas (lembra cantas tiveron que saír da Ría?), construídas co eucalipto que antes ía a ENCE a baixo prezo; ademais, poderíase camiñar cara á diversificación dos usos do monte coa introdución de madeiras con maior valor engadido e outras actividades (gando, froitas,…) máis xustas e rendíbeis social e economicamente. A simple diminución da superficie adicada ao eucalipto, faría aumentar a demanda e elevaría o prezo da madeira.
Así pois, a saída de ENCE da Ría sería beneficiosa para a nosa comarca, tanto desde o punto de vista ambiental, da calidade de vida e do lecer, como para o desenvolvemento da nosa economía.