Valoración da APDR ao respecto da mesa sobre o futuro de ENCE


Logo de analizar as declaracións públicas das distintas partes representadas na “mesa de diálogo” celebrada en Madrid para falar sobre o futuro de ENCE na Ría de Pontevedra, na Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) queremos expoñer a nosa valoración ao respecto:

1.- Parécenos inaudita a cantidade de recursos e esforzos consumidos para realizar unha reunión que tiña como único obxectivo buscarlle acomodo a unha empresa privada que, como calquera outra, ten a obriga de cumprir a lexislación e buscar as alternativas necesarias para levar adiante a súa actividade e manter os postos de traballo.

2.- No mesmo sentido, entendemos desproporcionada a representación da empresa na amentada mesa de diálogo, e non alcanzamos a entender a razón da presenza nela dalgúns sectores que nada teñen que aportar neste tema.

3.- Así mesmo, consideramos desafortunada a actitude do Ministerio de Transición Ecolóxica, que deixa nas mans da Audiencia Nacional e a Xunta de Galicia a decisión da posíbel continuidade de ENCE en Lourizán, facendo -na práctica- deixamento das súas funcións de defensa do dominio público marítimo-terrestre ao inhibirse na esixencia do cumprimento da lexislación de Costas vixente, que limita a permanencia nestes terreos a aquelas instalacións ou actividades que -pola súa natureza- non poidan ter outro emprazamento, unha situación que non se dá neste caso.

4.- Denunciamos o papel xogado pola Xunta de Galicia que, lonxe de defender o dereito público, ten apostado pola defensa vergoñenta da permanencia da empresa no seu actual emprazamento, e mesmo propón a creación dunha segunda fábrica de celulosas na Galiza. Neste sentido, deixar nas mans do goberno galego a solución á saída de ENCE da Ría é o mesmo que deixala nas mans da propia empresa, que segue rexeitando, logo da reunión, calquera alternativa que non sexa a permanencia en Lourizán!

5.- Polo que fai á busca de fondos europeos para a realización dun traslado e a instalación dunha nova fábrica noutro emprazamento, entendemos que é ENCE, e non as administracións, quen ten que acometer esta tarefa, como calquera outra empresa.

Xa por último indicar que, para nós, calquera acordo con ENCE pasa por poñer fin á actividade da empresa en Lourizán de forma inmediata e a recuperación do dominio público que, por Lei, tiña que ter abandonado en xullo de 2018, iniciando logo o proceso de desmantelamento das súas instalacións e a recuperación da zona ocupada. Neste sentido, se a administración competente considera -como parece deducirse dalgunhas declaracións- que en Galiza debe haber unha fábrica de pasta de papel que, ademais, peche o ciclo coa fabricación de papel, deberá abrirse un procedemento público, aberto á participación de calquera empresa do sector que desexe optar a tal instalación.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print