A APDR denuncia novos vertidos no Gafos


Cando apenas tiñan transcorrido 48 horas desde a nosa denuncia dos vertidos no río Lérez, atopámonos coa lamentábel noticia de novos vertidos no río Gafos, uns vertidos que, tanto polo seu aspecto como polos cheiros nauseabundos a cloaca, fan pensar na natureza fecal e dos que temos varias fotos (que xuntamos).

Na Asociación Pola Defensa da Ría estamos cansas de denunciar situacións como a que se vén de producir onte, na que a totalidade das augas baixaban absolutamente contaminadas e facían pensar nun importante vertido e non nun vertido puntual; e estamos cansas máis que nada porque -polo xeral- as denuncias caen nun saco roto sen que consigamos saber sequera de quen é a responsabilidade dos mesmos e, o que é moito máis frustrante, sen que se solucione o problema.

Neste sentido, chamamos á responsabilidade das administracións para que, dunha vez por todas, se eliminen os vertidos ao Gafos e Lérez (e ao resto dos ríos da nosa zona de actuación como Asociación), aplicando as sancións correspondentes no caso de vertidos ilegais por parte dalgún cidadán ou entidade privada, e corrixindo definitivamente a situación no caso de que se trate dun problema de mal deseño da rede de saneamento.

En calquera caso, máis unha vez, presentamos denuncia tanto no Concello de Pontevedra como en Augas de Galicia, coa esperanza de que desta volta poida ter algún efecto beneficioso para o noso río e o medio natural da nosa vila.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print