Galiza ten un problema se segue adiante esta “Xunta de Galicia”: resposta á Conselleira de Medio Ambiente.


Ence fóra da ría para sempre

Sra. Vázquez:

Perdoe que sexamos tan directos, pero realmente recollemos no título o primeiro que se nos veu á mente ao ter coñecemento da resposta que deu Vde. á Ministra de Transición Ecolóxica, que, coma nós, cualifica de mentiras moitas cousas que se están a dicir sobre a Lei de Cambio Climático; porque esa é a realidade, desde a Xunta de Galicia, o PP e a empresa ENCE, estase a terxiversar a realidade cando se fala da posíbel afectación deste proxecto de Lei nas actividades da cadea mar-industria, e faise co único obxectivo de presionar á administración para tratar de perpetuar a permanencia da fábrica de celulosa en Lourizán. E Galiza non merece un goberno que non dubida en utilizar a mentira e o engado no beneficio particular dunha empresa que obvia sistematicamente as súas obrigas legais, antepoñéndoo ao dereito do conxunto das galegas e os galegos a recuperar uns terreos que lle pertencen.

É certo, como di Vde., que a Lei establece un máximo de 75 anos (incluídas prórrogas) para as concesións en dominio público marítimo-terrestre, pero debería saber Vde. que ese prazo non lle afecta a moitas das actividades que Vdes. inclúen de forma demagóxica nas súas declaracións. Porque Vdes. teñen que saber (trátase dunha Lei autonómica) que as concesións ás bateas e ás actividades do marisqueo e a acuicultura, veñen reguladas pola Lei 6/2009 de Pesca de Galicia que, por certo, fixa o período máximo (incluídas prórrogas) nos 30 anos; e deberían saber tamén que o prazo de 75 anos (incluídas prórrogas) de permanencia en dominio público que tanto lles alporiza agora, vén fixado no artigo 93 da Lei 33/2003 do Patrimonio de las Administraciones Públicas para aquelas actividades que, de acordo ao establecido na Lei de Costas de 2013 (que elaborou o seu partido) teñan dereito, pola súa natureza, a permanecer nestes terreos.

Así pois, a Lei de Cambio Climático non vai afectar á meirande parte das actividades da chamada cadea mar-industria; aquelas que, afectadas pola Lei de Costas, teñan dereito a prorrogar a súa permanencia, poderán solicitalo, e mesmo poderán solicitar unha nova concesión. Evidentemente, aquelas que non teñen dereito a permanecer en dominio público (que, por certo, tiveron 30 anos para buscar novo emprazamento) terán que abandonalo. É o caso da empresa ENCE e daquelas outras actividades que “pola súa natureza” non teñan que estar nestes terreos. A estas alturas xa non fará falta falar da diferencia entre o público e o privado, nin dos beneficios e servidumes que cada un destes réximes de propiedade reporta, non?

E di Vde. que existe un Informe da Asesoría Xurídica da Xunta que advirte de que o texto legal da nova Lei é inconstitucional. Nese caso, deberían telo feito público, cousa que solicitamos neste momento. Podemos intuír, en base a anteriores declaracións da Xunta, que falan Vdes. da redacción do artigo 18.4, que aseguran implica a retroactividade na súa aplicación. Indicarémoslle, neste sentido, que a formulación que se utiliza neste artigo do proxecto de Lei agora presentado, é semellante á utilizada polo PP no ano 2014, cando elaborou o regulamento da Lei de Costas.

Pero, non se preocupe Sra. Vázquez, se tan seguras están Vde. e a Xunta de que teñen razón, non deberían ter ningún medo xa que -de aprobarse a Lei na súa actual redacción- non terán máis que recorrer ao Tribunal Constitucional solicitando a súa retirada.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print