A APDR condea a violencia de ENCE contra o Concello


Estamos asistindo nos últimos días a unha situación de violencia por parte da empresa ENCE que, non por terse producido noutras ocasións, deixa de sorprender. Unha volta máis os traballadores da empresa actúan ao ditado dos seus xefes errando -como en anteriores ocasións na elección dos inimigos. Insisten en responsabilizar dunha situación que semella pode rematar no definitivo peche das instalacións de Lourizán, ás Administracións local e provincial (e aos partidos que están á súa fronte) e ás organizacións sociais que aspiramos a recuperar un espazo que foi roubado ao conxunto da cidadanía e que, por Lei, tiña que ter sido devolvido aos seus lexítimos donos hai algo máis de dous anos.

A loita pola defensa do emprego é absolutamente lexítima, pero ten que dirixirse contra quen o poñen en perigo, neste caso a propia empresa ENCE (por non ter asumido a responsabilidade contraida ao adquirir a fábrica de Lourizán) e o PP que, co seu respaldo submiso aos intereses empresariais desde a Xunta de Galicia, ten dado alas ás posicións ilegais e inmobilistas que os directivos de ENCE formulan cun irresponsábel “ou en Lourizán, ou fóra de España, onde tanto a man de obra como a madeira son máis baratas”.

E pretenden traballadores e sindicatos, mediante fume e ruído (dúas constantes na fabrica de pasta de papel), chantaxear ás administracións e a cidadanía, disfrazando de loita obreira pola defensa dos postos de traballo o que é defensa pura e dura dos ilexítimos privilexios empresariais! Porque a defensa dos postos de traballo pasa, inevitabelmente, por esixirlle a ENCE que cumpra a Lei e asuma a saída da Ría. Tiveron máis de 30 anos para facelo, pero optaron por pechar os ollos á realidade e facer ouvidos xordos ás demandas cidadáns neste sentido; poida que agora sexa tarde para facelo, pero desde logo é a última oportunidade antes de que ENCE lles dea a patada definitiva, comunicada xa mediante video interno, “sen presa pero sen pausa”!

E, que dicir da escusa buscada desta volta pola empresa para tratar de “xustificar” todo este ruído? Chama poderosamente a atención que boten man do artigo 18 do proxecto de Lei de Cambio Climático, porque estáselle atribuíndo unha transcendencia que non ten; o prazo máximo de 75 anos de permanencia dunha instalación en terreos de dominio público marítimo-terrestre (incluídas as prórrogas) que recolle este artigo, está fixado na Lei de Patrimonio do Estado, unha Lei de rango superior á que hoxe se discute. Así mesmo, a Lei de Costas reformada polo PP no ano 2013, impide calquera prórroga a ENCE, xa que limita (no seu artigo 32) a permanencia nestes terreos a aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outro emprazamento, unha circunstancia que non se da no caso de ENCE. Así pois, a ameaza de peche de ENCE non vén da man desta nova Lei, senón da lexislación anterior que o PP obviou para concederlle unha prórroga a todas luces irregular; do cumprimento da Lei, pero tamén da decisión da Audiencia Nacional, que non se entendería contraria á Lei e á doutrina do Estado.

Desde a APDR condenamos a violencia gratuíta exercida polos traballadores de ENCE e CC.OO. contra o goberno local e chamamos máis unha vez a que dirixan as súas queixas onde as teñen que dirixir, á dirección da fábrica que, lonxe de calmar os ánimos, bota leña ao lume para desviar a atención sobre quen nada teñen que ver co conflito.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print