A APDR envía un escrito ao Secretario de Estado de Medio Ambiente


A “Asociación  Pola  Defensa  da  Ría  de  Pontevedra”  (APDR),  vén  de  enviarlle  ao  Secretario  de Estado do Ministerio de Medio Ambiente, un escrito en relación coas declaracións realizadas polo Presidente de ENCE, Ignacio de Colmenares.

Logo dunha introdución na que describimos os feitos recollidos no video (que fixemos chegar ao Secretario  do  Estado),  xunto  coa  valoración  que  na  APDR  facemos  deles,  indicámoslle  que  os poñemos no seu coñecemento para que desde a Secretaría actúen en consecuencia e non cedan ás ameazas e ás presións do Sr. de Colmenares e o seu círculo, verdadeiras chantaxes coas que pretenden  conseguir  a  modificación  do  proxecto  de  Lei  de  Transición  Ecolóxica  para  poder continuar  en  Lourizán  de  forma  irregular  nos  terreos  de  dominio  público  marítimo-terrestre  que agora ocupa en Lourizán.

E  facémoslle  ver  ao  Secretario  de  Estado  a  gravidade  das  declaracións  referidas  ao  estado  da caldeira  de  recuperación,  á  que  o  Sr.  de  Colmenares  cualifica  de  inestábel  e  da  que  di  “en calquera  momento  pode  darnos  un  susto  maiúsculo  medio  ambiental  que  pode  afectar  ás persoas”, admitindo que, coñecendo que a caldeira precisa inversións para evitar estes riscos, non as  vai  facer  se  non  se  lle  asegura  a  permanencia  en  Lourizán  até  o  ano  2073;  pero  tampouco decide a paralización da actividade para evitar ese susto do que fala. Trátase dunha chantaxe ao Estado,  unha  chantaxe  que  aderezan  describindo  un  futuro  para  a  comarca  de  Pontevedra  no caso do peche da empresa, que non ten nada que ver coa realidade. Unha chantaxe que, como xa dixemos, debera ter consecuencias penais.

Deixámoslle claro ao Secretario de Estado que na nosa Asociación estamos convencidos de que o Ministerio  non  vai  ceder  ás  ameazas  e  chantaxes  para  a  modificación  do  proxecto  de  Lei  en tramitación,  pero  que,  máis  alá  das  responsabilidades  nas  que  se  puidera  incorrer,  sería lamentábel  que  o  Sr.  de  Colmenares  conseguise  impoñer  o  seu  criterio  mediante  a  aplicación destes  métodos  que  non  dubidamos  en  cualificar  de  “mafiosos”.  De  se  chegar  a  esta  situación, non estaríamos nun Estado de Dereito.

Témoslle  suxerido  ao  Secretario  de  Estado  que  se  evite  manter  reunións  con  persoas  como  as que aquí se refiren e que, de ser estritamente necesario realizalas, que sexa con luz e taquígrafos, con transparencia e publicidade.

Finalmente, solicitamos da Secretaría do Estado que, presentado o escrito, procedan á audición e estudo  do  contido  no  vídeo,  e  actúen  en  consecuencia,  sen  ceder  ás  inadmisíbeis  chantaxes dunha empresa que ten na mentira e as falsas promesas o seu sinal de identidade

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print