Asistimos nestas últimas datas a unha nova escenificación da empresa ENCE, que lanza un aviso de “peche ordenado e rápido” se non se modifica ao seu gusto a “Lei de Transición ecolóxica e cambio climático”. Pero, o que moitos puideran interpretar como unha chamada de desesperación, na APDR cremos é algo ben distinto. Trátase dun novo intento de presionar ás administracións e á cidadanía da comarca aproveitando nesta ocasión a actual situación sanitaria e económica que, saben, provoca na cidadanía unha maior sensibilidade pola defensa do emprego. Nada ao que non nos teñan afeitos fábrica e comité de empresa!
O diferencial nesta ocasión é que centren o problema na eliminación do artigo 18 da amentada Lei, ao que achacan un alcance que non ten. Porque deberían saber que, desde o punto de vista legal, e con esta Lei ou sen ela, o tempo de permanencia de ENCE en Lourizán ten chegado ao seu fin. Porque máis alá de que esta nova Lei se aplique con retroactividade ou non, a esixencias recollidas neste artigo están contempladas xa na normativa hoxe en vigor.
O tempo máximo de permanencia en dominio público marítimo-terrestre (DPMT), está fixado en 75 anos (incluíndo posíbeis prórrogas) tanto na Lei de Costas de 2013 (elaborada polo PP) como na Lei de Patrimonio do Estado, unha lei de rango superior que, ademais, establece que as prórrogas en DPMT están reservadas exclusivamente a aquelas instalacións que, pola súa natureza, teñan que estar nese emprazamento, que non é o caso de ENCE! Así pois, de seren certa esa preocupación empresarial, que desembocaría no peche das instalacións en Lourizán, non se disiparía coa reforma solicitada.
Neste sentido, resultan insultantes a ignorancia amosada polos cargos públicos do PP, que semellan descoñecer esta realidade, e os intentos por enganar á cidadanía disfrazando o seu único obxectivo (a defensa dos intereses empresariais da fábrica de Lourizán) como preocupación polos postos de traballo do chamado “complexo mar-industria”, un sector maioritariamente suxeito á normativa autonómica e non á lexislación agora cuestionada.
E, chegados a este punto, debemos ser moi claros; ENCE, e o PP son os únicos responsábeis da situación actual na fábrica de Lourizán, unha situación que -como admiten os seus responsábeis- levou á empresa a non realizar inversións até o punto de que nun futuro próximo a seguridade para os traballadores (e para a cidadanía da contorna) non estaría garantida. Porque ENCE tivo 30 anos (desde o 1988 até o 2018) para planificar de forma ordenada o peche das instalacións de Lourizán e para buscar unha alternativa aos seus traballadores, e contou sempre co apoio submiso das administracións gobernadas polo PP para manter unha situación que agora, por lei pero tamén pola responsabilidade empresarial de protexer aos seus traballadores e á cidadanía, debera levar inevitabelmente ao peche definitivo da fábrica.
E polo que fai ao Comité de empresa, debemos dicir que -máis unha vez- trabúcanse ao defender os intereses empresariais por riba dos intereses dos algo máis de 250 traballadores aos que están representando. Hai moito tempo que deberan ter esixido á empresa ese peche ordenado que puidese garantir a defensa do emprego. Lonxe de ter escoitado as voces que lles aconsellaban neste sentido, optaron pola defensa numantina da empresa, porque non foron quen de ver máis alá dos seus postos de traballo en Lourizán, admitindo a máxima de ENCE de “ou aquí ou onde a man de obra e a madeira sexan máis baratos”! E agora poida que sexa demasiado tarde!
Desde a APDR, que defendemos a creación de emprego de calidade, de postos de traballo que non entren en contradición coa calidade de vida, coa defensa do medio e os recursos naturais e cun modelo económico sustentábel no tempo, esiximos o peche definitivo das instalacións de ENCE en Lourizán, Porque a súa permanencia é contraria a Lei pero tamén por responsabilidade.