Denunciamos novos vertidos na ría


Transcorridas apenas 72 horas desde que a Asociación Pola Defensa da Ría dera a voz de alarma pola existencia dun vertido na Ría á altura do paso elevado existente nas inmediacións da fábrica de celulosa, sorpréndenos un novo vertido, nesta ocasión no peirao das Corbaceiras, na zona onde se atopan unhas naves utilizadas por un club de piragüismo para gardar as piraguas.

Nesta ocasión, puxémonos en contacto co Seprona, coa policía local e co 112, e tivemos resposta de Salvamento marítimo no sentido de que iniciaban unha investigación; trátase dun vertido de certa magnitude e moi patente nun longo traxecto cara á boca da Ría (xuntamos fotos). Na APDR imos agardar a ter información de Salvamento marítimo para ver de tomar algunha outra decisión ao respecto, pero, en calquera caso -e sexan quen sexan os responsábeis do vertido- denunciamos esta situación de permanentes vertidos, de distinta natureza, que se seguen producindo de forma sistemática nos nosos ríos e Ría, sen que -ao parecer- se adopten as necesarias medidas para a súa erradicación definitiva. A nosa Ría, e os ríos que a conforman, e a nosa maior riqueza e non se pode permitir que estas situacións a poñan en perigo.

Tal e como puidemos saber onte, no caso do vertido denunciado hai uns días pola APDR, trátase dun vertido procedente de Cocheiras, que sae polo aliviadoiro da EDAR de Os Praceres en momentos de fortes choivas, unha situación que tería que ter sido solucionada hai tempo e da que Xunta e Concello de Pontevedra responsabilízanse mutuamente. Descoñecemos tamén neste novo vertido de quen é a responsabilidade, pero sexa quen sexa, esiximos de quen teñan as competencias para facelo, que se abra unha investigación que permita esclarecer os feitos e, no seu caso, perseguir aos responsábeis e aplicar as correspondentes sancións.

Reiteramos a nosa vontade de seguir denunciando a existencia de vertidos á Ría e aos ríos que a conforman, e animamos ás persoas que sexan testemuñas deste tipo de vertidos ou de calquera outra agresión medio ambiental na nosa comarca a comunicar os feitos aos organismos oficiais con competencia na defensa do medio e/ou á nosa asociación.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print