Sobre a petición do Parlamento Galego de modificación da Lei de cambio climático e transición ecolóxica en tramitación


Recentemente o Parlamento Galego, cos votos do PP e o BNG, ten solicitado ao Goberno a retirada do artigo 18 da lei de cambio climático e transición ecolóxica, que se atopa en tramitación, e que segundo se ten feito público preténdese aprobar no primeiro trimestre de 2021. Refírese este artigo, ao prazo máximo de duración dunha concesión en Dominio Público Marítimo-terrestre que, en total, sumando posibles prórrogas, non pode superar os 75 anos.

Non se trata de ningunha novidade, xa que este prazo máximo está fixado dende hai anos; tanto a lei de costas modificada en maio de 2013 polo goberno de M. Rajoy e o seu regulamento (establecido polo RD 876/2014), como a Lei do Patrimonio das Administracións Públicas, fixan este prazo máximo. Esta última, ademais, aclara que “unicamente se poderá permitir a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non podan ter outro emprazamento”. En definitiva, o que inclúe o artigo 18 da nova lei en tramitación, fai parte xa da normativa legal vixente, polo que é congruente que esta nova norma manteña o mesmo criterio. Así pois, sorprende esta estraña iniciativa que, de se admitir, non mudaría nada!

Pero sorprende aínda máis unha solicitude que, sen dúbida, amosa unha certa resistencia á adopción de medidas que permitan combater o cambio climático e adaptarse as súas consecuencias no medio litoral, onde os efectos da elevación da temperatura media do planeta van ser especialmente severos, o que obriga ás administracións, responsables de garantir a integridade deste medio litoral, a se dotar das ferramentas de control e protección que garantan os recursos e a seguridade dos cidadáns que o poboan.

Parecen esquecer PP e BNG que o dominio público, como o seu nome indica, é propiedade de todos e, sendo razoable permitir o seu uso ás actividades que non se poden desenvolver noutro lugar, estas concesións non deberan hipotecar o acceso, a conservación e o uso e desfrute do litoral ás xeracións futuras, ás que lle tocará a xestión deste dominio nun escenario que non promete ser nada doado. Neste sentido, coa eliminación deste prazo de 75 anos (a todas luces excesivo pois supón que a próxima xeración non poida dispoñer do dominio público cedido hoxe, nin adoptar as medidas de xestión que fosen necesarias), sería un chanzo máis cara á privatización do litoral.

E intentar xustificar esta decisión polo suposto perigo que correrían empresas e edificacións, nin é razoable nin é desexable! Neste contexto, serían posibles situacións aberrantes como a pretendida permanencia da fábrica de ENCE en Lourizán até o ano 2073 argallada ilegalmente polo goberno de M. Rajoy. Coa Lei na man, non corren perigo as actividades e construcións establecidas legalmente en base a unha concesión e que precisan da proximidade ao mar para a súa actividade; aquelas que se atopan ilegalmente, ben pola caducidade da concesión, ben por non necesitar estar instaladas na costa, deben devolver o dominio público ocupado á cidadanía.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print