Hai xa tempo que se vén amoreando lixo, móbeis vellos, madeira, colchóns, persianas, plásticos, e moitos outros obxectos e desperdicios nun espazo de Mollavao existente ao pe do camiño que comunica a estrada PO-546 (no Qm 0,59) co espazo que vén sendo utilizado para a instalación dos circos, nas proximidades da autovía Pontevedra-Marín. E cónstanos que este vertedoiro incontrolado, no que hai ratos e outros animais que veñen buscar alimento entre o material alí depositado e do que se desprenden desagradábeis cheiros, foi denunciado en distintas ocasións pola veciñanza da zona ao Concello, que -polo que se deduce- non tomou as medidas necesarias para solucionar o problema.
Na APDR consideramos inaceptábel que sigan existindo este tipo de vertedoiros no noso Concello e mais cando se trata dunha zona tan céntrica como esta e con visibilidade desde a estrada; con efecto, esta situación de permanencia prolongada no tempo dun vertedoiro ilegal de lixo, que non está xustificada en ningún caso, resulta menos comprensíbel aínda no que nos ocupa porque non se pode sequera contemplar a posibilidade de que as autoridades locais ou o servizo de recollida do lixo ignoren a súa existencia; trátase dun vertedoiro que non pode pasar desapercibido para ninguén e que, como xa indicamos, foi denunciado por xente da zona ao Concello! Neste sentido, preguntámonos de quen é a responsabilidade concreta de que siga existindo este vertedoiro en Mollavao, e esiximos a súa inmediata eliminación, acometendo logo a limpeza da zona e a toma das medidas pertinentes para que non se volva reproducir no futuro. Situacións coma esta non fan máis que incidir na falta de control e vixilancia por parte das autoridades locais e desprestixian o modelo de recollida de lixo adoptado pola equipa de goberno municipal.
Insistimos na necesidade de eliminar este tipo de vertedoiros incontrolados de lixo, que poden ser, ademais, focos de infeccións para a veciñanza; esiximos que se faga un seguimento da situación, se localice ás persoas responsábeis dos mesmos e sexan aplicadas as oportunas sancións aos culpábeis para evitar que poidan reincidir na comisión destas infraccións.