O vindeiro día 12, ENCE volve presentarse ás eleccións autonómicas! Desta volta vai da man dun tripartito formado polo PP, Cs e Vox, que defenden os intereses da fábrica en contra do interese xeral da cidadanía a recuperar un espazo roubado á Ría hai máis de 60 anos e a ter, de novo, unha Ría saneada e recuperada para a creación de postos de traballo no marisqueo, na pesca, no turismo e no lecer. Un tripartito que defende a eucaliptización do noso país, mesmo a da aquelas terras que teñen vocación agrícola ou gandeira.
Pechada ELNOSA pola caducidade total da súa concesión en Lourizán, e probada a ilegalidade da prórroga concedida a ENCE por Mariano Rajoy, só a permanencia na Xunta de Galicia dun goberno como o actual, absolutamente submiso aos ditados de ENCE, poderá impedir o soño da inmensa maioría das persoas da comarca, que aspiramos á amentada recuperación ambiental e económica e a un futuro digno para as xeracións futuras.
Como se pode permitir que, en contra da razón e da legalidade, o Presidente Núñez Feijóo fale da necesidade de “blindar” ENCE co obxectivo de dotala dunha absoluta impunidade?
Con esta posición, o PP (e os partidos que o acompañan nesta viaxe, e que, de precisalo, daranlle o seu apoio) só persegue -como ocorre coa privatización da sanidade e doutros servizos públicos- os intereses de partido, representados no Consello de Administración de ENCE pola presenza de persoeiros ben coñecidos que se acolleron hai unha chea de anos á manobra das portas xiratorias que tan bo resultado ten dado para as arcas populares.
Na APDR entendemos que esta situación non se pode manter por máis tempo, que xa abonda de ilegalidades e incumprimentos consentidos! Por iso chamamos a quen defendedes a necesidade de recuperar a nosa Ría, a nosa saúde e a nosa economía, a non votar a quen tratan de converter a condena imposta nos anos 50 do pasado século, baixo a ditadura franquista, nunha cadea perpetua baixo a prepotencia e o nepotismo dos seus sucesores.