A APDR denuncia elevados niveis de ruído na fábrica de ENCE


Un grupo de veciñas e veciños da parroquia de Lourizán, teñen contactado coa nosa asociación para nos facer ver unha situación que están a padecer de forma moi acusada nos últimos tempos, unha situación que ten que ver coa presenza da fabrica de ENCE a carón das súas vivendas. Tal como o describen estas persoas, “desde hai xa algún tempo, a fábrica está facendo moito ruído, moito máis do que fai normalmente, que xa é moito”, o que supón o aumento das molestias que xa veñen sufrindo de sempre. Pero a preocupación destas persoas, vai máis alá, xa que teñen medo de que este aumento no nivel de ruído teña que ver “cun mal funcionamento da fábrica, o que podería levar a algún incidente de maior gravidade aínda”. E din tamén que “ninguén lles di nada, que non saben o que pasa…”.

A contaminación polo ruído, que para as administracións semella pasar desapercibida, non só supón unha evidente molestia para as persoas que a padecen, senón que, ademais, en moitas ocasións ten efectos importantes na saúde das persoas, provocando alteracións do soño e do carácter, nerviosismo e comportamentos que chegan a ser patolóxicos. E, evidentemente, pode ter tamén efectos sobre a saúde física, fundamentalmente no sistema auditivo, pero tamén sobre o cardiovascular e o dixestivo, dous sistemas que se poden ver alterados en función do estres. Evidentemente, na APDR entendemos perfectamente a preocupación das persoas fronte a esta situación que veñen aguantando diariamente, e sen tregua (en moitas ocasións desde hai moitos anos xa), as diversas molestias derivadas da presenza de ENCE nas proximidades, e somos conscientes do calvario que teñen que estar atravesando. E a situación faise aínda máis insufríbel, ao ver como ninguén toma cartas neste problema, un problema que temos denunciado en multitude de ocasións e para o que obtemos sempre a mesma resposta, “os niveis de ruído en ENCE están dentro dos límites legais”, sen que nos conste que se teñan realizado medicións deses niveis nos que basear as afirmacións. En calquera caso, debemos facer constar que o ruído causa moitos dos efectos que temos enumerado, mesmo cando os seus niveis non superan os límites permitidos pola lexislación vixente, e máis se -como é o caso- as persoas están expostas de forma permanente á fonte emisora.

Esta realidade debera facer ver ás distintas administracións (e mesmo a aquelas persoas que veñen apoiando a permanencia de ENCE en Lourizán), que o emprazamento da fábrica é absolutamente irracional e que ten uns efectos sobre a saúde das persoas que non se poden subordinar aos mais que discutíbeis efectos sobre a economía da comarca; que a defensa dos postos de traballo da empresa non pode pasar por riba da defensa da saúde e a vida das persoas que, por forza, teñen que desenvolver a súa vida nesa parroquia. Pero debera facerlle caer a cara de vergoña aos directivos da fábrica (e a quen defenden os seus intereses particulares fronte ao interese xeral da poboación), que difunden con publicidade encuberta esa pretensiosa e mentireira denominación de “biofábrica” para unha empresa que despreza á veciñanza. Recomendámoslle que, en tanto non deixen e molestar co ruído ás persoas veciñas, adopten o termo “ruídofábrica”, sen dúbida moito máis axustado á realidade.

Sen desbotar por elo a posibilidade de exercer o noso dereito a defender a saúde das persoas nos tribunais de xustiza, desde a APDR esiximos ao Concello de Pontevedra e á Xunta de Galicia que leven adiante unha investigación ao respecto, adoptando -en tanto non se proceda ao peche definitivo das instalacións fabrís- aquelas medidas que impidan a continuidade da situación que vimos de denunciar e os danos ocasionados ás persoas que viven nas inmediacións da fábrica. ENCE preséntase ás eleccións ao parlamento galego nas listas do PP, Ciudadanos e Vox! Non votes a súa permanencia en Lourizán!

Ver e escoitar o ruído no vídeo do noso faceboock:

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print