A APDR denuncia unha tala de árbores na zona do Burgo


Estas últimas datas do obrigado confinamento na casa, están sendo ricas en sobresaltos para quen como a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) temos na defensa do medio o noso principal obxectivo. Se a finais do mes de abril as noticias xiraron arredor dos fortes cheiros percibidos pola veciñanza da zona de Lourizán e noutras zonas de Pontevedra (aínda sen explicar, por certo!) e da aparición de numerosos peixes mortos na Ría, da que alertamos o día 1 de maio e que neste momento segue en proceso de investigación, espertámonos hai un par de días coa noticia da tala de árbores nas inmediacións da gasolineira do Burgo, unha tala que puidemos confirmar e a que non lle podemos atopar explicación.

Con efecto, nas inmediacións da gasolineira do Burgo, na súa parte traseira, foron cortados a maior parte dos exemplares de moreiras (Morus alba “venosa”) que tapizaban unha pequena parcela aportando a súa beleza a unha zona que pola proximidade ao río Lérez merece o mellor dos tratamentos para o lecer da cidadanía. Con independencia da opinión que nos poida merecer o proxecto que se está a levar adiante nesa zona e de que se estean a plantar novas árbores neste emprazamento, non alcanzamos a entender que razóns poden levar ao Concello de Pontevedra a talar unhas moreiras que, mesmo no hipotético caso de non seren compatíbeis co tal proxecto, poderían terse transplantado a outra zona.

E aínda que non é a primeira vez que este Concello -que aposta abertamente pola humanización dos espazos públicos- ten eliminado exemplares arbóreos na cidade, nin a primeira vez que desde a APDR temos denunciado publicamente este tipo de actuacións, neste caso concreto chámanos poderosamente a atención que sexa responsábel deste desaguisado. Non fai falta dicir o valor das árbores nun entorno urbano, non só polo papel que xogan no control de certos niveis de contaminación, senón tamén desde o punto de vista da estética e a calidade de vida; e así como noutros casos (tala dos plátanos a carón do pavillón universitario na rúa Cruz Vermella) optamos por non denunciar os feitos por entendermos que tiña certa xustificación a eliminación das árbores ben por estaren enfermas, ben por estar a causar problemas á veciñanza e/ou ao mobiliario urbano sen que fose posíbel acometer o seu traslado a outras zonas, neste caso nonatopamos ningunha razón que o poida xustificar.

Descoñecemos se no Concello de Pontevedra existe unha Ordenanza específica de “Protección do arborado”, unha medida que se aplica xa en moitas cidades e que resulta de enorme utilidade como marco legal para a súa protección e pola que apostamos na APDR. Agardamos que o Concello dea unha explicación convincente do xeito de actuar no caso das moreiras obxecto desta nota e animámoslle a que, de darse no futuro outras situacións semellantes, teñan en conta a opinión das entidades ecoloxistas e a dos especialistas na materia.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print