Mortaldade de peixes na Ría de Pontevedra. Quen é o responsábel?


O 1 de maio de 2020 comezamos a atopar peixes mortos de orixe marino en distintos puntos da Ría de Pontevedra que chegaron ata o río Lerez. Nesta páxina iremos actualizando a información, ver (máis abaixo) a nota de prensa, e os vídeos e fotos recibidas. Seguimos indagando. Se podes aportar algunha información ou material gráfico a maiores …. Contacta connosco !! (apdr@apdr.info)

Ver nota de prensa da APDR:

O pasado día 1 de maio, denunciabamos publicamente a existencia de cheiros nauseabundos -e mesmo nalgún caso as dificultades para respirar- durante os días 28, 29 e 30 de abril e o propio 1 de maio, unha situación que sen dúbida tiña a súa orixe na fábrica de ENCE en Lourizán. Respondiamos así ás numerosas queixas expresadas pola veciñanza de de Lourizán e doutras zonas de Pontevedra. Máis unha vez, ENCE estaba a provocar problemas á cidadanía e no medio ambiente, e máis unha vez tamén, ENCE non tiña informado nin ao Concello nin á administración autonómica competente nestes asuntos!

E, cando estabamos redactando a nota pública, tivemos coñecemento da existencia dunha importante cantidade de peixes mortos na nosa Ría, unha mortaldade que hai tempo non se producía e que -aparentemente- concentrábase na zona que vai desde Obras do porto á Casa do Mar, con algúns exemplares flotando entre esa zona e a zona de Tambo. Daquela, puxemos os feitos en coñecemento do 112 e da policía local e expresabamos, con toda a prudencia do mundo, a seguinte argumentación:

Evidentemente, na APDR descoñecemos a magnitude do problema que poida ter ocorrido nesta ocasión en ENCE e, xa que logo, as consecuencias no medio; en calquera caso, as experiencias vividas en ocasións anteriores, permítennos poñer no peor dos escenarios; neste sentido, e con toda a cautela do mundo, preguntámonos: terá algo que ver o máis que posíbel mal funcionamento nas instalacións da fábrica de Lourizán coa presenza de peixes mortos nas augas da Ría, unha mortaldade que nos veñen de comunicar hai uns momentos?

 

Hoxe podemos confirmar que a mortaldade é importante, que nunha maior parte dos casos trátase de especies de auga salgada (entre elas a coñecida como Saboga, Pandorca ou Dorado) que, pola súa elevada sensibilidade á auga doce, teñen o seu hábitat natural na zona de Tambo ou máis a fóra da Ría, o que podería facer pensar na posibilidade de que a mortaldade se teña producido nesa zona e que, arrastrados polos fortes ventos do Sul, teñan chegado mortos á zona interior da Ría.

Descoñecemos a causa concreta da morte destes peixes e sabemos que -a raíz da nosa comunicación ao 112- persoal de Augas de Galicia, Seprona e policía autonómica, recolleron mostras de auga e peixes; agardamos que os resultados das análises poidan determinar de forma definitiva a causa desta importante mortaldade na Ría e nolo fagan saber á APDR.

En calquera caso, e sen abandonar a prudencia necesaria, desde a APDR entendemos que é difícil achacar esta mortaldade a causas naturais; con efecto, no ecosistema que nos ocupa, a causa máis frecuente de mortaldade natural é a presenza puntual dunha forte carga de auga doce procedente do Lérez, que ao noso xuízo non resulta doada de entender neste caso por dúas razóns:

1.- Dificilmente podería ter afectado a especies que -como xa adiantamos- non se achegan de forma natural a estas masas de augas fluviais.

2.- Resulta cando menos estraño que esta carga puntual de auga doce á Ría, que se debe repetir en multitude de invernos de moita chuvia, non teña provocado unha mortaldade semellante en anos anteriores.

Así pois, na APDR entendemos que estamos diante dunha causa de mortaldade non natural. Neste sentido -e sen descartar ningunha outra posíbel- non semella ilóxico pensar que detrás deste episodio estea -máis unha vez- a man de ENCE! Hai que ter en conta que o emisario polo que verte, achega a súa carga contaminante á zona onde se atopan estas especies e, ademais, que a existencia dun mal funcionamento na factoría de Lourizán semella máis que probado en función das denuncias veciñais.

Desde a APDR, esiximos a ENCE que, con datos da concentración dos distintos contaminantes emitidos á atmosfera e ás augas da Ría explique de forma convincente que circunstancias se teñen producido na fábrica entre os días 28 de abril e 3 de maio que “xustifiquen” os cheiros e molestias ocasionadas ás persoas e, no seu caso, a responsabilidade dos seus vertidos na mortaldade de peixes da que vimos falando. E esiximos tamén que desde ás administracións locais, provinciais e autonómicas se abran os correspondentes expedientes de investigación e, de seren pertinente, se tomen as medidas oportunas para sancionar un posíbel comportamento neglixente.

Xa por último, queremos agradecer a todas aquelas persoas que, dun ou doutro xeito e a pesar do estado de confinamento que estamos a vivir, téñense posto en contacto coa nosa asociación para nos informar dunha situación que, do contrario, tería pasado inadvertida para unha boa parte da poboación; a súa confianza na Asociación Pola Defensa da Ría fai que nos sintamos reforzados na nosa loita polo saneamento e recuperación da Ría e a calidade de vida e a saúde das persoas, uns obxectivos que son incompatíbeis coa permanencia da fábrica de ENCE en Lourizán.

Ver 2 vídeos filmados este 2 de maio con peixes mortos:

Avda. de Vigo ao nivel do Peirao das Corvaceiras. Ver este vídeo tamén no facebook da APD:

Ao nivel da factoría de ENCE en Lourizán. Ver este vídeo tamén no facebook da APDR:

Ver 3 vídeos máis con peixes mortos filmados o 6 de maio por Juan Ramón Castiñeiras (ex-vicepatrón maior da Confraría de Pontevedra):

 

Ver Galería de fotos recibidas:

 

Ver tamén:

ENCE segue a agochar os seus escapes!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print