O ecoloxismo galego apoia ao Movemento Ecoloxista da Limia


O ecoloxismo galego mostra o seu apoio unánime a Manuel García, do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), un dos seus integrantes, que vén sendo ameazado por COREN, por denunciar publicamente as súas prácticas contaminantes. Os máis de 60 organizacións, entre elas a APDR, asinamos un Manifesto en defensa do activista de MEL, ante o intento de amedrentar a quen sinala as malas prácticas da gandaría industrial e deciden enfrontarse a sistemas inxustos por conseguir dereitos e liberdades sociais e ambientais.

MANIFESTO EN APOIO AO MOVEMENTO ECOLOXISTA DA LIMIA

O vindeiro día 2 de marzo terá lugar no xulgado de Xinzo de Limia o acto de conciliación previo á demanda civil de COREN contra o compañeiro do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), Manuel García. A causa ten a súa orixe nunha suposta intromisión ilexítima no dereito ao honor de dita empresa, por facer “imputacións falsas” contra ela nun programa de “España Directo” emitido en setembro do pasado ano. A empresa estima os danos e prexuízos nun millón de euros.

O MEL leva anos denunciando os efectos da gandaría intensiva no val do Limia, a mala xestión dos residuos das granxas, o deterioro das augas pola acumulación de nitratos e a eutrofización das augas; e loitando pola protección da comarca, a produción agrícola ecolóxica e a gandaría extensiva.

Os colectivos que asinamos este manifesto queremos mostrar a nosa solidariedade co compañeiro do MEL, ao tempo que a nosa sorpresa porque se admita a trámite semellante despropósito. Parece obvio que, con este tipo de actuacións, o sector da gandaría intensiva pretende pechar a boca a quen nos opoñemos a este modelo industrial e dicimos en voz alta o que pensamos das súas prácticas.

A gandaría industrial ten repercusións ambientais innegables, especialmente sobre a auga e sobre os solos. A cantidade de xurros e residuos xerada por este tipo de industria é un grave problema para as zonas máis afectadas.

Esta industria é responsable dunha parte importante das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. Ademais, as grandes extensións de cultivos destinadas a producir os alimentos para os animais criados de xeito intensivo provocan a deforestación de enormes extensións no noso planeta.

En Galiza hai zonas, como a Limia, onde as consecuencias destas prácticas supoñen un problema cada vez maior. O val do Limia absorbe cada ano máis de un millón de toneladas de residuos gandeiros, residuos que en moitas ocasións non son sometidos a ningún tipo de tratamento previo; e que son vertidos mesmo en espazos protexidos, nas inmediacións de cursos de auga, en balsas sen impermeabilizar, pasando así ao solo e contaminando este e os acuíferos. A gravidade da situación fixo xurdir novos colectivos que a denuncian, como a Plataforma Auga limpa xa.

É por este tipo de cousas que o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de tirar das orellas á Consellería de Medio Rural, indicándolles, mediante resolución, a necesidade de declarar como zona vulnerable a Limia. A resposta da Xunta de Galicia non foi, como sería de esperar, a adopción de medidas de protección para a zona, senón a presentación de alegacións a esa resolución. Deste xeito, a Xunta defende os intereses das grandes empresas do sector, aínda que sexa a costa de desprotexer o medio ambiente, así como os intereses dos pequenos agricultores ou os da gandaría en extensivo.

Non é a primeira vez que en Galiza a industria gandeira intenta tapar a boca a quen denuncian as súas malas prácticas. Xa anteriormente houbo activistas que recibiron ameazas de demanda, aínda que ata agora nunca chegaran ao xulgado. Consideramos moi grave o axuizamento do noso compañeiro, un axuizamento que non é outra cousa que utilizar a Manuel como cabeza de turco para tratar de intimidar a quen se atreva a falar. Non pode ser que cando denunciamos prácticas agresivas para o medio ambiente sexamos nós quen sente no banquillo. Non pode ser que se sinalamos desfeitas queiran cortar o dedo que sinala, en lugar de frear esas desfeitas.

Non imos deixar que nos poñan a mordaza. Seguiremos denunciando as malas prácticas da gandaría industrial, e loitando por unha produción de alimentos racional e sustentable.

#NonÁGandaríaIndustrial  #NonNosVanCalar

Asinan este manifesto:

  1. A Ría Non Se Vende, rede de colectivos.
  2. A Terra Non Se Vende.
  3. ADEGA.
  4. ADENCO.
  5. Agora Galiza-Unidade Popular.
  6. Amigos da Terra.
  7. Amigos das Arbores de Ourense.
  8. Anova.
  9. Asociação Socio-Cultural O Iríbio.
  10. Asociación Ambiental Petón do Lobo.
  11. Asociación Ambiental Senda Nova.
  12. Asociación Cova Crea.
  13. Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana.
  14. Asociación de Víctimas de la Justicia.
  15. Asociación Fontaíña.
  16. Asociación Galega de Apicultura.
  17. Asociación O Bión. Xinzo de Limia.
  18. Asociación Pola Defensa da Ría, Pontevedra
  19. Asociación pola Defensa da Ría de Vigo “Cíes”.
  20. Asociación Sachos á Rúa.
  21. Centro de Saberes para a Sustentabilidade.
  22. Centro para a Resiliencia Pousadoira.
  23. Cerna.
  24. Colectivo Ecoloxista Luita Verde.
  25. Colectivo Matogueira.
  26. Comisión de Asociacións contra as minas da Terra Cha.
  27. Comité pola Memória Histórica do Val do Límia.
  28. Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga.
  29. ContraMINAcción.
  30. Ecoloxistas en Acción Galicia.
  31. Equo Galicia.
  32. En Marea.
  33. Federación Ecoloxista Galega.
  34. Fundação Montescola.
  35. Greenpeace Galicia.
  36. Grupo Común da Esquerda.
  37. Grupo Municipal EU Son do Porriño – Son en Común.
  38. Lugo Sen Mordazas.
  39. Máis Galicia.
  40. O Grelo Verde, colectivo pola agricultura ecolóxica
  41. O Ouriol do Anllóns.
  42. Plataforma Auga Limpa Xa!
  43. Plataforma Casalonga Limpa de Residuos.
  44. Plataforma Monte Neme.
  45. Plataforma pola Defensa do Rural. Ponteceso.
  46. Plataforma pola convivencia ética coa fauna silvestre, Con-Ética.
  47. Plataforma pola Defensa do Rural. Ponteceso
  48. Plataforma pola recuperación do Sar.
  49. Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non.
  50. Podemos Galicia.
  51. Salva la Selva.
  52. Salvemos a comarca de Ordes.
  53. Salvemos O Iribio.
  54. Salvemos Monteferro.
  55. Sindicato Labrego Galego.
  56. Sociedade Galega de Ornitoloxía.
  57. Sociedade Histórica e Cultural “Coluna Sanfins”
  58. SOS Groba.
  59. Vaipolorío.
  60. Verdegaia.
  61. Véspera de Nada.

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print