A “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), vén de presentar alegacións á consulta pública previa á LEI DE AVALIACIÓN AMBIENTAL DE GALICIA, consulta feita desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e que agardamos non supoña a eliminación da posterior fase de exposición pública do proxecto de Lei definitivo.
Para a APDR, non se xustifica a elaboración dunha nova Lei cando existe normativa suficiente que, de se aplicar, abondaría para dar resposta á problemática que se pretende abordar na proposta; con efecto, a avaliación ambiental está abondo regulada pola lexislación xeral, tanto a nivel do Estado como da Unión Europea, entre outras pola Directiva 2011/92/UE ou a Lei 21/2013. E tampouco nos convence a razón aportada polo goberno autonómico, que pretende xustificar a decisión na “necesidade de refundir a regulación dispersa en distintos textos lexislativos…”, unha formulación que non se sostén e utilizada tamén cando se propuxo a Lei de Prevención e control integrados da contaminación, que regula as Autorizacións Ambientais Integradas, e que levou -na práctica- a aumentar a permisividade das instalacións industriais no que fai ao cumprimento da normativa ambiental.
Pero, hai dúas razóns fundamentais para a nosa oposición a este proxecto:
1.- Dunha banda, porque se fala de “facer compatible a protección do medio ambiente e o desenvolvemento económico, sempre no marco da norma básica de aplicación, que poidan facer mais competitivas ás empresas galegas”, unha clara referencia á adaptación do texto legal que se propón agora á Lei 5/2017 de Fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (a coñecida popularmente como Lei de depredación de Galiza), que implicaría a submisión dos criterios ambientais aos puramente económicos e, xa que logo, o afondamento naqueles aspectos máis lesivos para os intereses sociais.
2.- Doutra, porque baixo unha formulación xenérica que recorre aos lugares comúns de “protección e mellora do medio ambiente”, o “desenvolvemento sustentábel” ou a “participación pública”, defínese de forma clara o que para nós é o verdadeiro obxectivo da proposta, a “simplificación administrativa e o interese pola consecución dos principios de axilidade e eficacia nesta materia”, un obxectivo que por máis que se pretenda “dulcificar” ao engadir “sen que isto supoña unha mingua do respecto aos valores naturais e á riqueza do noso territorio”, vai supoñer unha rebaixa nos xa escasos niveis de control ambiental aos proxectos públicos e privados potencialmente daniños para o medio ambiente; entre outras razóns porque a pretendida simplificación administrativa vai supor a diminución da participación pública e, xa que logo, un recorte dos dereitos individuais e colectivos a intervir nestes procedementos.
E non debemos esquecer que xa na actualidade se observa que as avaliacións ambientais son excesivamente simples e case nunca recollen o conxunto do impacto que proxectos e plans van provocar e que son sempre as persoas e colectivos sociais quen, mediante as súas alegacións, revelan aspectos básicos non recollidos. Non procede xa que logo simplificar o procedemento que abondaría na insuficiencia do estudo de impactos nin a diminución de prazos de alegación, xa que dificultaría a exposición de danos e consecuencias ambientais non reflectidos nos estudos de impacto. Lonxe de concordar cos criterios propostos pola Administración, na APDR entendemos que estes prazos son xa excesivamente curtos e, contrariamente ao proposto, deberíanse ampliar, cando menos no que se refire á participación pública e aos informes dos organismos interesados. Ademais, debemos facer constar que os criterios de simplificación e redución de prazos recollidos no texto, entrarían en contradición cos existentes na normativa actual, que se vería desvirtuada.