Diante do acordo establecido o pasado 3 de xaneiro entre o BNG e o PSOE no marco do proceso de investidura do Presidente Sánchez, a Xunta Directiva da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) quere facer pública a súa valoración verbo do recollido no amentado acordo respecto ás medidas contempladas para afrontar o saneamento da Ría de Pontevedra.
En primeiro lugar, e relativizando o valor duns acordos políticos que como temos visto noutras ocasións poden cumprirse ou non, debemos dicir que valoramos positivamente a inclusión desta problemática entre os puntos considerados nesta negociación. Concrétase este compromiso en dous parágrafos, un que aborda a obriga que ten ELNOSA en relación coa reversión dos terreos que ocupou en Lourizán, para garantir a súa limpeza e posterior recuperación no ano 2020, e outro referido á empresa ENCE que reproducimos textualmente de seguido:
“O goberno manifestarase a favor do traslado da planta de ENCE a outro enclave mais adecuado ambiental en Galiza, a través dunha fórmula que permita manter o emprego”
Trátase, ao noso entender, dunha formulación con certa ambigüidade, que tanto pode quedarse nunha mera manifestación de intencións como -así o desexamos- supoñer un avance no camiño cara á ansiada desaparición de ENCE do seu actual emprazamento. Neste sentido, non podemos agochar os nosos medos; porque cremos que a situación actual esixe avanzar, inequivocamente, cara a impedir a continuidade de ENCE na nosa Ría; porque cremos que se debería ter feito explícito o acordo de anular a prórroga concedida de forma ilegal polo goberno en funcións de Mariano Rajoy, e decretar a extinción da concesión, decisións todas elas amparadas nos criterios fixados pola avogacía do Estado no Informe de outubro de 2018 no que o Ministerio de Transición Ecolóxica baseou a súa decisión de achantarse fronte aos recursos presentados na Audiencia Nacional contra da amentada prórroga.
A nosa posición verbo da saída de ENCE da Ría é clara e coñecida: nunca falamos de traslado! Pero, máis alá desta posición de principios, falar hoxe de traslado, cando é abondo coñecido que en ningún caso vai ser aceptado por ENCE, ten pouco sentido se non se deixa claro que a imposibilidade dun acordo non vai ser escusa para evitar tomar medidas claras e rápidas para decretar o fin da concesión en Lourizán; do contrario, mesmo pode dar lugar a interpretar que tal formulación responde só a intereses electoralistas.
En calquera caso, agardamos que o que hoxe é unha declaración de intencións, remate por se concretar nunha decisión de goberno que poña fin á presenza de ENCE en Lourizán, unha aspiración da ampla maioría social na nosa comarca e pola que -con independencia do percorrido que poida ter este acordo- imos continuar loitando na APDR por todos os medios ao noso alcance e poñendo o acento, como sempre fixemos, na mobilización; porque somos conscientes de que a mobilización social será fundamental na consecución deste obxectivo.