Desecación dunha lagoa na praia de Lourido por unha pala metálica


Este pasado venres, día 6 de decembro, temos observado na praia de Lourido (Poio) unha actuación sobre o medio que non nos pode deixar indiferentes e que, polo que puidemos coñecer, tense feito xa en anos anteriores. Na parte posterior da praia, sobre a zona de vexetación alí existente, fórmase todos os invernos unha pequena lagoa que recolle a auga da choiva e que serve de acubillo a multitude de especies animais. E fronte a este fenómeno natural, chamou a nosa atención a presenza dunha pala mecánica coa que se está a abrir unha canle para liberar a auga cara ao mar e desecar a amentada lagoa.

Trátase dunha actuación que entendemos contraria á defensa do medio ambiente e que, nese sentido, non se debería ter producido; e, aínda que descoñecemos quen é o responsábel da mesma, é de supoñer que se trate dunha decisión do Concello de Poio, un aspecto que está por confirmar. Sexa como sexa, temos que indicar que a intervención con maquinaria pesada sobre unha zona natural como a que nos ocupa, situada no litoral e, xa que logo, pertencente ao dominio público marítimo-terrestre, precisa do permiso previo de Costas do Estado.

Para a APDR, que non dubidará en presentar denuncia destes feitos diante do Servizo de Costas do Estado en Pontevedra e no SEPRONA para que se abran as oportunas investigacións, trátase dun caso de delito ecolóxico que hai que perseguir e que, con independencia de quen teña cometido a infracción, non pode quedar impune.

Xuntamos material gráfico que confirma os feitos denunciados aquí publicamente.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print