Reflexións da Asociación Pola Defensa da Ría para un consumo sostíbel no evento hiperconsumista do “Black Friday”
A APDR, integrante do Movemento Galego polo Clima, chama a cidadanía a reflexionar sobre os impactos sociais e ambientais destas xornadas hiperconsumistas que invitan a mercar de forma compulsiva na procura de efémeros momentos de satisfacción, esquecendo non só a realidade de emerxencia climática na que estamos a vivir, senón tamén, que o benestar ten máis que ver coa riqueza e variedade das nosas relacións sociais e con fomentar valores como a solidariedade e a cooperación.
O bombardeo de grandes campañas publicitarias coas promocións especiais do período “Black Friday”, créannos falsas necesidades que pouco teñen que ver co obxectivo de satisfacer o noso benestar, mergullándonos nunha vertixe consumista marcada entre outras polos diferentes tipos de obsolescencia (programada, incompatibilidade informática, data de caducidade, estética ou modas, …) presentes en case todo, e un culto á velocidade dun consumo fácil e inmediato como forma de evitar ou compensar a frustración e a insatisfacción.
E ao venres negro, séguelle un mes aínda máis escuro polo seu impacto ambiental, concentrando o maior pico de consumo anual coma se o planeta non tivera límite: aceleración do cambio climático, esgotamento de materias primas, degradación a nivel territorial e social, perda de autosuficiencia, maltrato animal, …
Fronte a este modelo de produción e consumo, a APDR propugna un consumo responsábel e respectuoso coa sustentabilidade socioambiental:
– Por un consumo crítico e consciente. Infórmate do que mercas: ten en conta a procedencia das materias primas, as condicións laborais na que foi elaborado, os impactos ambientais e sociais da súa produción e distribución (incluído o tipo de embalaxe), os impactos potenciais do seu uso e abuso na saúde, …
Canto máis local sexa o noso consumo, máis doado será conseguir esta información, así como poder reducir o seu impacto ambiental e social. Pon na túa mesa produtos locais e de tempada, evitando grandes cantidades que despois terás que tirar. O consumo de alimentos, artesanía, etc. feitos en Galiza, por pequenas empresas e de xeito artesán, contribúe a reducir emisións e repercute nos teus veciños e veciñas máis próximos.
– Merca o que sexa realmente necesario para vivir mellor: aínda que das famosas 3 erres (Reducir, Reutilizar, Reciclar) a que máis se difunde é a de Reciclar, con todo, é moito menos importante que Reducir. A redución do consumo é imprescindíbel para ir cara unha sociedade máis sostíbel que mude o modelo de consumo desbaldidor e dogmaticamente desenvolvementista baseado na produción constante de novas “necesidades”.
– Se agasallas mascotas: non compres, adopta (mellor dun refuxio de animais), e ten en conta que a poidan coidar axeitadamente toda a súa vida. Ademais, evita agasallar animais ou plantas exóticas porque poden provir de ecosistemas en perigo, e porque a súa liberación no noso medio pode causar graves danos nos nosos ecosistemas.
A espiral consumista non nos fai máis felices; un consumo responsábel e respectuoso coa sustentabilidade socioambiental, axúdanos a vivir mellor con menos.