O mércores 28 de agosto tivo lugar no Concello de Pontevedra un primeiro encontro dunha representación da APDR, a petición desta última, con Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.
En dito encontro informamos ao concelleiro dos aceites usados contaminantes, queimados por ENCE en Lourizán:
A planta de fabricación de celulosa de ENCE en Pontevedra, está utilizando como combustíbel nos seus procesos de produción unhas 18.000 toneladas anuais de aceite usado sen tratar, aceites usados procedentes de compañías de xestión de residuos industriais coa finalidade de abaratar custes, situándose como o maior consumidor deste tipo de residuos en España.
Informamos de que as lexislacións española e europea consideran ó aceite usado como un residuo tóxico e de como co uso deste combustible, a compañía xerou un aforro superior aos 3,5 millóns de euros anuais durante os últimos cinco anos:
O aceite usado está declarado como residuo tóxico e perigoso pola Unión Europea e a normativa española dende 1998. En 2006 prohibíase en España o vertido deste residuo sobre os solos e as augas superficiais e subterráneas, esixindo o seu tratamento superficial antes da súa utilización como combustible.
A comezos do ano 2018, o Goberno aprobou a Orde, que inclúe dous anos de adaptación (ata 0 ano 2020), endurecendo as esixencias de utilización aceite usado recuperado e tratado para o seu uso como combustíbel nas plantas industriais: un procedemento de tratamento máis rigoroso e uns valores límite de contaminantes presentes tanto no aceite como nas emisións industriais producidas pola súa combustión, incluíndo as partículas contaminantes da queima de metais pesados.
ENCE aproveita esta moratoria para continuar utilizando o aceite usado sen contar con medidas para tratar os gases xerados na combustión dos residuos, a pesares de coñecer os efectos prexudiciais que pode provocar sobre o medio ambiente e a saúde humana. Este procedemento choca directamente cos compromisos medio ambientais e de seguridade e saúde das persoas que ENCE establece nas súas Memorias anuais e que declara aos seus accionistas e inversores como empresa cotizada nos mercados.
A queima de aceites (usados ou non) na planta de ENCE-Pontevedra, está expresamente prohibida pola Autorización Ambiental Integrada (AAI) revisada no ano 2018, o que supón motivo abondo para a súa anulación.
Informamos sobre dos danos coñecidos desta combustión prexudicial para á saúde e para a atmosfera, segundo os informes da Unión Europea, estudos do Ministerio de Medio Ambiente e documentos elaborados por organismos europeos e estadounidenses:
A queima dos compostos deste combustible xera emisións de partículas contaminantes superiores á combustión da gasolina, gases que actúan sobre o tecido respiratorio e pulmonar e que poden provocar cancros, e cinzas que provocan a mortalidade da fauna mariña.
Por outra banda, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural manifestou a súa inquedanza ante esta denuncia e comprometeuse cos representantes da APDR a manterse “vixiante ante o posible emprego destes aceites, que obviamente sería ilegal”. Tamén manifestou a súa intención de comunicar dita cuestión á parlamentaria do PSdG Patricia Vilán para que sexa tratado no seo do Parlamento Galego.
♦ Ver tamén artigos relacionados:
https://www.apdr.info/wp/2019/07/19/resposta-da-apdr-ao-comunicado-de-ence/