A “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), congratúlase pola decisión adoptada días atrás pola Deputación de Pontevedra de denunciar pola vía xudicial, mediante a interposición dun Recurso Contencioso-Administrativo, a inacción da Xunta de Galicia no mantemento da Finca e o Pazo de Lourizán, unhas instalacións que pertencen ao conxunto da veciñanza de Pontevedra pero que están cedidas ao Goberno galego, desde o ano 1991 e por un prazo de 30 anos, mediante un Convenio.
O amentado Convenio, obriga á Xunta de Galicia á conservación das instalacións da Finca e Pazo de Lourizán, polo que queda claro que existe un incumprimento reiterado do mesmo por parte da Xunta; neste sentido, consideramos absolutamente inaceptábeis as declaracións da deputada popular Pepa Pardo, que considera desleal o comportamento do ente provincial ao acudir á vía xudicial para facer cumprir ao Goberno galego coas súas obrigas, e que non ten vergoña ao dicir que fronte “ao proxecto ambicioso e viábel proposto pola Xunta de Galicia para recuperar o esplendor dunha xoia do patrimonio histórico a custe cero para a Deputación”, os responsábeis provinciais deixaron caer o Pazo no ostracismo!
Non debemos esquecer que ese “marabilloso” proxecto presentado pola Xunta consistía en cederlle o Pazo de Lourizán á empresa ENCE para que fixeran alí o seu Centro de Investigación Forestal, nin tampouco que foi rexeitado pola ampla maioría dos colectivos sociais da comarca, que nun número superior aos douscentos, manifestaron diante do Palacio Provincial e no propio Pazo de Lourizán, o seu total desacordo coa medida proposta, en nome da fábrica ilegal de Lourizán, polo vicepresidente da Xunta Sr. Rueda.
E non podemos concordar tampouco coa solución proposta polo Vicepresidente da Deputación, Sr. Mosquera, que fala da “disposición a cederlle a Finca e o Pazo en propiedade á Xunta para que esta asuma a súa competencia”; e non podemos concordar porque sabemos que nese caso, Lourizán remataría nas mans privadas de quen está a estragar o noso medio e o noso patrimonio.
Para a APDR, este incumprimento do Convenio, lonxe de nos levar á cesión da Finca e Pazo de Lourizán ao Goberno galego, débenos levar á súa recuperación para uso e disfrute do conxunto da cidadanía, para o que -como primeira medida- se debería denunciar o incumprimento do Convenio e, coma consecuencia de tal incumprimento, rescatalo das mans da Xunta de Galicia, abrindo logo un concurso de ideas para a recuperación e mantemento público do Pazo, símbolo dunha época de esplendor da parroquia de Lourizán, dunha época que veu como nos roubaban o Paraíso coa chegada da fedorenta CELULOSA.
Ver tamén outras noticias relacionadas en apdr.info:
Presentación da Iniciativa Unitaria contra as esmolas de ENCE
A APDR solicita á Deputación defender un uso público do Pazo de Lourizán