Desde que a “Subdirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar” (que así se chama o departamento do Ministerio de Transición Ecolóxica que coñecemos coloquialmente como “Costas do Estado”) tomou a decisión de consultar á avogacía do Estado sobre a legalidade da prórroga de 60 anos concedida a ENCE no ano 2016 polo goberno en funcións de Mariano Rajoy e, en base ao seu informe, renunciar a defenderse fronte aos recursos interpostos na Audiencia Nacional pola APDR, Greenpeace e Concello de Pontevedra; desde que recoñeceu que tiñamos razón ao argumentar que tal prórroga foi ilegal ao superar os 75 anos fixados na Lei de Costas do 2013 como período máximo de permanencia de calquera instalación en dominio público marítimo- terrestre, e tamén ao facer ver que na amentada Lei “as prórrogas resérvanse para aquelas instalacións que pola súa natureza non poidan estar fóra do dominio público”; desde ese momento, repito, desatouse en ENCE un movemento frenético que, con distintas escenificacións e actores, demostra o nerviosismo da empresa fronte a unha situación que sabe moi negativa para os seus intereses en Lourizán.
Dunha banda, tratan de desviar a atención falando de “inseguridade xurídica” e obvian que -coa Lei na man- a súa concesión caducou en xullo do 2018 e que cando mercaron a empresa sabían que tiñan que abandonar Lourizán nesa data. Terxiversan o espírito e a letra da Lei de Costas para ver de convencer á parroquia de que, en todo caso a prórroga podería chegar ata o ano 2033, “esquecendo” que ENCE, pola súa natureza, non ten dereito a ningunha prórroga. E tratan de xustificar o “dereito a permanecer en Lourizán” nun “hipotético” cumprimento da lexislación ambiental, un argumento que, ademais de falso, nada ten que ver coa ilegalidade da prórroga.
Doutra banda, utilizan aos traballadores das empresas auxiliares para facer manifestacións de forza e agresividade fronte ás forzas políticas e ás institucións, tratando de amedrentar con métodos pouco democráticos á cidadanía que mantemos posicións de defensa da Lei e contrarias -xa que logo- á permanencia de ENCE en Lourizán; e mesmo teñen traspasado esta perigosa liña de actuación co seu comportamento ao remate da masiva MARCHA CONTRA CELULOSAS do pasado domingo 16 de xuño, ao tratar de boicotear o dereito democrático de manifestación, uns feitos que xa están denunciados pola vía xudicial pola APDR por entender que son constitutivos dun delito tipificado no código penal.
E todas estas actuacións, ben sexan as pomposas declaracións sobre as “supostas bondades” da empresa en materia ambiental ou sobre a repercusión económica na comarca e na Galiza, ben as manifestacións de forza na rúa, non teñen máis obxectivo que o de tratar de frear ou minimizar os efectos dunha situación que, inevitabelmente, vai rematar co peche da actividade en Lourizán.
Onte mesmo teñen celebrado unha festa de autoafirmación na praza de touros de Pontevedra, unha festa que -máis alá das declaracións triunfalistas dos directivos da fábrica- non supuxo máis que unha nova mostra desta dinámica que vimos de describir.
E virán outras actuacións nesta liña; virán novas manifestacións, novas declaracións pomposas; cal será o próximo movemento? Prometerán novas axudas ao deporte? Presentarán novos “logros medio ambientais”?
Sexa o que sexa, será unha manifestación do seu dereito a patexar; será parte dos últimos estertores dunha fábrica que nunca se debeu instalar na Ría e que -a pesar dos seus esforzos por mercar vontades entre os colectivos sociais- concita un rexeitamento maioritario entre a poboación da comarca.