Esta mañá, sobre as 11, púidose ver no río Gafos, no seu tramo urbano, un importante vertido que alarmou ao vecindario e a algúns dos moitos usuarios e usuarias dese espazo aberto e no que o desfrute da natureza ten que ser protagonista. Unha vez máis, a falta de conciencia ambiental fai que un dos nosos ríos sufra agresións que en calquera lugar minimamente concienciado non se dan de forma reincidente como sucede na Galiza.
Unha mancha de cor branco e aspecto de pintura diluída, que cubría amplamente o leito do Gafos, deixouse ver xunto con resíduos sólidos entre os que destaca unha enorme roda de camión, son proba desa falta de conciencia ambiental duns poucos que agreden de forma sistemática un ben que é de toda a cidadanía.
Todo indica que a responsabilidade deste novo vertido ben da man das obras da A-57 e dun sumidoiro da rede de saneamento á altura de Tomeza.
Desde a APDR, que dimos conta do sucedido á directiva de Vaipolorío por ser este o colectivo que lidera a loita pola recuperación e saneamento do Gafos, chamamos á conciencia da poboación para que denuncie estes casos, único xeito de conseguir que estas prácticas inaceptábeis desaparezan definitivamente, e ás autoridades con competencia neste terreo a que non deixen de perseguir a quen non respecta o medio ambiente, sexan empresas ou particulares, e, ao tempo, para que desenvolvan campañas de concienciación social entre a poboación, nomeadamente entre os sectores infantís e xuvenís, que deben ser a espranza na consecución dun futuro máis respectuoso co noso medio e coa nosa cultura, da que os ríos e a Ría forman parte importante. Ver as fotos que dan mostra da magnitude do vertido.