“A concesión de bandeiras azuis a cinco praias da Ría, é unha proba clara de que ENCE non contamina”. Con esta proba, rigorosa e científica onde as haxa, esgrimida polo delegado de ENCE, Sr. Casal, disípanse todas as dúbidas sobre o cumprimento da legalidade dos vertidos de ENCE á Ría de Pontevedra; como no caso do algodón e a limpeza, as bandeiras non enganan!
Non dubidamos da categoría profesional do Sr. Casal nin do seu nivel intelectual, pero, desde a nosa ignorancia, preguntámonos: e este mesmo argumento non serviría tamén para concluír que a EDAR de Os Praceres non contamina? ou tamén para afirmar que a calidade das augas da Ría é de tal nivel que non precisa de novas depuradoras nin novos emisarios?
A verdade é que non saímos do noso asombro!
E debe ser a Xunta quen tome cartas no asunto e, de apoiar a conclusión do Sr. Casal, suspenda -por innecesarias- as inversións previstas para o saneamento da Ría (ampliación da EDAR de Os Praceres, novo emisario, EDAR para Poio,…) e esixa explicacións á Unión Europea sobre á sanción imposta polo incumprimento da Directiva 91/271/CE na Ría de Pontevedra.
Pola contra, de non concordar coa innovadora conclusión do Sr. Casal, debería saír a desautorizala. Porque a cidadanía estará perplexa, sen saber de quen se fiar, se “da proba das bandeiras azuis” ou dos informes da Xunta que xustifican a necesidade de actuar sobre a calidade das augas da Ría.
Coñecendo a traxectoria das autoridades da Xunta en materia de medio ambiente, marisqueo ou pesca, moito nos tememos que -de dicir algo- corroboren as conclusións de ENCE sen mostrar o máis mínimo rubor e insistan no “cumprimento escrupuloso” da lexislación en materia de vertidos por parte de ENCE, sen entrar en máis consideracións; coma fixeron sempre, mesmo cando analizaban os datos que serviron para condenala por delito ecolóxico! O que paga, manda!
Por certo, lembran o razoamento que facían desde as presidencias das Confrarías da Ría hai cousa dun mes para defender a continuidade de ENCE en Lourizán? “ENCE non contamina porque este ano recollemos máis marisco e gañamos máis cartos que o ano pasado; quen contamina é a EDAR de Os Praceres” Non lles parece que detrás daquel argumento e do que fai agora o Sr. Casal está a cabeza e a man do mesmo ideólogo? A nós, si, desde logo!