Resulta certamente irónico que o candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Rafael Domínguez, fale de “abrir Pontevedra a la Ría”, e máis cando ao través das propostas que inclúe dentro dese proxecto deixa ver o que agacha baixo ese titular.
Podemos coincidir co Sr. Domínguez en constatar que Pontevedra vive de costas á Ría, por máis que haxa que recoñecer que neste tema houbo algún paso adiante nos últimos anos. Con efecto, Pontevedra deulle as costas ao mar, á Ría, e aos ríos que a conforman hai moito tempo, desde o momento en que se acomete o desecamento das xunqueiras, a chegada á nosa Ría de empresas como TAFISA, situada en pleno centro da vila e na beira do seu río máis importante, e o complexo ENCE-ELNOSA nuns recheos realizados sobre a propia Ría e xusto na zona que significaba a saída de Pontevedra ao mar, Lourizán. Pero, tamén, coa realización de continuos recheos sobre o río Lérez e a propia Ría, entre eles os que se acometeron a finais dos anos 80 do pasado século e que deron lugar ao que hoxe se coñece como Avda. de Buenos Aires e Avda. do Uruguay.
E resulta irónico que o representante do PP, responsábel de moitos destes proxectos e que nunca fixo nada por recuperar estas zonas ganadas ao mar, que defende os recheos ilegais realizados no porto de Marín e a permanencia de ENCE en Lourizán cunha prórroga que se vén de demostrar contraria á Lei de Costas, fale agora de que Pontevedra ten que mirar ao mar como o fan outras cidades como Donostia, A Coruña, ou Xixón. Semella descoñecer que nesas cidades existen praias urbanas que -en moi boa medida- vertebran a súa apertura ao mar, e que en Bilbao, trasladaron as fábricas contaminantes para a recuperación da Ría, algo que o PP e o Sr. Domínguez negan para a nosa. E semella que descoñece tamén que ENCE -e o que queda de ELNOSA- e outras infraestruturas que, como a depuradora de Os Praceres, viñeron logo, foi imposta nunha zona gañada ao mar a base de recheos sobre o maior e máis produtivo banco marisqueiro da nosa Ría e sobre as nosas praias urbanas, condenando á parroquia de Lourizán, a deixar de ser a fronte marítima de Pontevedra, para converterse no “patio traseiro” da nosa vila.
Todo indica que para o Sr. Domínguez, “abrir Pontevedra a la Ría” quere dicir abrir os locais hoxe pechados na chamada “autovía a Marín”, unha desas obras construídas a base de recheos en tempos pretéritos! E propón seguir facendo recheos para novas infraestruturas que “atraerían á xente e realizar actividades” e a utilización de terreos de dominio público -para os que necesitaría contar co permiso de Costas- para aumentar o cemento e a presión sobre o Lérez e a Ría.
Iso si, fala tamén de apostar por unhas augas limpas e saudábeis, que segundo el conseguiríanse simplemente con mellorar a rede do saneamento e coa eliminación das filtracións! Descoñece acaso as cantidades de materia orgánica e coliformes que verten diariamente ENCE e a EDAR de Os Praceres á nosa Ría e a incidencia sobre a calidade das augas de baño e cultivos mariños? Descoñece acaso o Informe que indica que os vertidos do emisario submarino de Os Praceres (polo que verte ENCE e a EDAR) teñen provocado un impacto moi negativo sobre as augas da Ría e sobre o borde litoral da illa de Tambo? E ese impacto non se frea sen eliminar o vertido de ENCE na Ría e sen mudar a tecnoloxía utilizada ata hoxe na EDAR de Os Praceres! E unha vez teñamos a Ría saneada, estaremos en disposición de potenciar os seus valores para actividades turísticas e os deportes náuticos.
E resulta preocupante que fale de que a Xunta vai acometer de inmediato o dragado do Lérez, xa que aínda non ten dado resposta ás nosas alegacións ao proxecto, e máis aínda que adiante que “a Xunta vai realizar o dragado dos fondos da Ría”, unha noticia que de ser certa, deixaría en evidencia a irresponsabilidade do actual goberno galego, pois este dragado podería ter enormes consecuencias para a calidade das augas, para o marisqueo e para a saúde das persoas pola forte carga de metais pesados -nomeadamente mercurio- que conteñen estes lodos.
Xa por último, Sr. Domínguez, ten Vde. un problema; a súa submisión absoluta aos intereses de ENCE, impídelle facer un proxecto críbel! Mesmo recoñece Vde., iso si, de forma vergoñenta, que ENCE interfire calquera proxecto de recuperación da Ría cando sente a necesidade de dicir que “só un dos meus proxectos vese afectado visualmente pola presencia de ENCE”. Recoméndolle que fale co seu compañeiro de partido Telmo Martín, que tiña un proxecto para a nosa Ría que, xa postos, resultaba máis atractivo que o que propón agora Vde.; un metro lixeiro, un delfinario, unhas enormes piscinas con auga de mar… Iso si, eliminando primeiro ENCE da Ría! Lémbrao?