A APDR denuncia as actitudes antidemocráticas dos traballadores de ENCE


Pintadas no domicilio dunha cocelleira e na sede do PSdG de Pontevedra

Diante das declaracións realizadas polos representantes sindicais dos traballadores da empresa ENCE ao respecto dos “actos vandálicos” que se produciron na tarde-noite da manifestación organizada na defensa dos interese do capital financeiro de ENCE polos comités de empresa, o PP e CC.OO. e durante a campaña de propaganda da amentada manifestación, declaracións nas que se desmarcan dos citados feitos por non consideralos aceptábeis, e nas que afirman que “todas as súas actuacións caracterízanse polo seu civismo e pacifismo”, desde a Asociación Pola Defensa da Ría queremos puntualizar o seguinte:

1º.- resulta difícil pensar que a autoría de moitos deses feitos aos que se refiren non estea relacionada de forma directa ou indirecta cos sectores que defenden os intereses de ENCE, os mesmos que organizaron a manifestación.

2º.- que, en calquera caso, non é certo que todas as súas actuacións respondan aos criterios de civismo e pacifismo que din defender; e unha proba evidente desta falta de civismo e do seu comportamento antidemocrático, é a súa recente actuación no pleno do Concello de Poio, no que demostraron tamén unha absoluta falta de educación e respecto fronte a quen defenden a legalidade. E tampouco demostraron unha actitude cívica e pacífica ao teren anulado parte das pancartas instaladas pola APDR en contra da prórroga a ENCE, pancartas que foron atadas con bridas sobre elas mesmas para evitar que se poida ler a súa mensaxe, un feito que realizaron tanto no momento en que colocaron as súas pancartas, que chamaban á manifestación, como no proceso de retirada das mesmas.

En calquera caso, apelamos a ese espírito cívico que din defender e do que pretenden facer bandeira, para que reparen o dano ocasionado á nosa asociación volvendo a deixar as nosas pancartas tal como estaban.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print