Manifesto da APDR na Semana Galega de Filosofía-2019


Manifesto da APDR lido o 26.04.2019 na XXXVI Semana Galega de Filosofía sobre “Filosofía e fronteira”

Moi preto de nós, existe unha fronteira, unha fronteira que non é permeábel, unha fronteira que -a diferenza da que intercambia persoas e cultura entre Galiza e Portugal- non permite a ósmose entre dous pobos de raíces comúns, dous pobos que naceron coa vocación de confluír e compartir espazo e futuro e que estaban chamados a entenderse e mesmo a fusionarse; unha fronteira que malia ter poucos anos de existencia, ten marcado de forma moi profunda os límites que impiden a convivencia e o intercambio entre as poboacións limítrofes; trátase dunha fronteira que, apesares de terse construído por enteiro sobre territorio do Concello de Pontevedra, parte en dous a franxa de terreo existente entre Pontevedra e Marín e mesmo establece unha zona de ninguén sobre a que permanece illada unha poboación que semella non pertencer a ningunha das partes fronteirizas.

A nosa fronteira, a fronteira da que falo, é unha fronteira física pero tamén química e biolóxica. Foi levantada hai apenas 60 anos polas tropas militares franquistas que, a punta de baioneta, cargaron contra as mulleres que defendían o dereito a vivir no seu pobo e da explotación racional dos recursos marisqueiros e pesqueiros como fixeran as súas nais e as súas avoas; que defendían un modo de vida pero tamén unha praia e un mar que era canto agardaban poder deixar ás súas fillas e netas. E, a diferenza do que aconteceu na raia entre Galiza e Portugal, provocou o exilio de moitas persoas que abandonaron as súas vivendas ante a imposibilidade de seguir vivindo nunha zona onde os gases lacrimóxenos derivados do cloro e do xofre, o fedor dos mercaptanos e outros tóxicos atmosféricos e hídricos dificultaban a supervivencia.

É evidente que estamos a falar da fronteira que se estableceu na parroquia de Lourizán coa chegada da CELULOSA e que poucos anos máis tarde converteríase nun dos complexos fabrís máis contaminantes da Galiza, o complexo ENCE-ELNOSA, un complexo industrial condenado no ano 2002 por delito ecolóxico e polo dano continuado na saúde das persoas.

Pero a historia desta fronteira, é tamén a historia da loita polo seu derrubamento, dunha loita que non cesou nunca e que desde hai algo máis de trinta anos lidera a Asociación Pola Defensa da Ría e vén sendo secundada pola ampla maioría da poboación da comarca. Porque a contaminación é transfronteiriza e chega lonxe da raia física onde se produce e, así, poboacións máis afastadas adquiren tamén conciencia e loitan pola súa desaparición.

E froito desta loita, é a situación actual na que se abre unha fiestra que permite encarar con ilusión o futuro; que permite recuperar o optimismo que para moita xente veuse truncado coa concesión, no ano 2016, dunha indecente prórroga de 60 anos polo goberno en funcións de Mariano Rajoy.

Porque hoxe sábese que esta prórroga concedida non foi só indecente e vergoñenta, hoxe pódese afirmar xa que, ademais, foi ilegal!

Con efecto, e sen esquecer a prudencia que esixe o caso, a decisión técnica adoptada pola “Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar” do “Ministerio de Transición Ecológica”, que admite os criterios esgrimidos pola APDR, o Concello de Pontevedra e Greenpeace nos seus respectivos recursos contra a decisión do PP de prorrogar por 60 anos máis a concesión de ENCE en Lourizán, é unha decisión axustada a dereito e fundamentada xuridicamente nun ditame do “Consejo de Estado” e nunha sentenza do Tribunal Constitucional que confirman que -tal como viñemos denunciando desde a APDR- a prórroga é contraria á Lei. Dunha banda, porque superaba o prazo máximo permitido na Lei, pero tamén -e isto é o máis importante- porque ao non estar xustificado que a actividade de ENCE teña que desenvolverse, por forza, en dominio público, non se xustifica tampouco a concesión de ningunha prórroga a esta instalación fabril.

Como non vai supor para nós esta decisión unha inxección de optimismo? para nós, que vimos reivindicando o fin da actividade de ENCE na Ría de Pontevedra porque a súa presenza é incompatíbel co seu saneamento e explotación racional? Sen dúbida ningunha, a situación ten mudado e engade novas razóns para seguir loitando por un futuro que non será completo en tanto non se acade de forma definitiva este obxectivo. Porque nunca antes mostrouse de forma tan evidente que os cimentos nos que se sostén a CELULOSA son febles, que o monstro ten os pes de barro e tan podres como os fedorentos cheiros que o identifican.

Porque hoxe xa non está en cuestión se ENCE contamina ou non, o que está hoxe sobre a mesa é a legalidade da continuidade de ENCE na Ría. ENCE esgotou o tempo de permanencia na Ría e os seus actuais propietarios, cando a mercaron a prezo de saldo, sabían que a concesión en dominio público remataba definitivamente en xullo do 2018. E por máis que se resistiron a aceptar esta realidade, a realidade rematou impóndose e virou de forma definitiva contra os seus ilexítimos intereses.

E fronte a quen -de forma interesada e irresponsábel- auguran un futuro catastrófico para a comarca e para o país trala marcha de ENCE, e non dubidan en utilizar cifras de emprego directo, indirecto e inducido que non responden á realidade, e que chegan a cuantificar en 80.000 as familias que dependen da empresa, sostemos que, lonxe de seren o motor económico da comarca, ENCE é o freo para o desenvolvemento sustentábel da súa economía, un perigo permanente para o medio ambiente, e unha fonte de ameazas para a saúde e a calidade de vida da veciñanza; e sostemos tamén que é responsábel da desfeita dos nosos montes, da perda da súa rendibilidade, e de milleiros de postos de traballo no país.

Porque, fronte a quen defenden para a nosa comarca e o noso país un modelo económico ancorado no pasado e que se ten demostrado fracasado e espoliador do medio e os recursos naturais, defendemos un futuro baseado na explotación racional dos recursos (marisqueiros, pesqueiros, turísticos e do monte), no dereito ao lecer e á calidade de vida; defendemos unha Ría saneada e quen de desenvolver a súa vocación natural, e a explotación diversificada dos nosos montes. En definitiva, un modelo que permita albiscar un futuro máis alá do “pan para hoxe e fame para mañá” que algúns, cunha visión curtopracista e trasnoitada, seguen a defender.

Porén, non está todo feito e teremos que seguir loitando arreo para que esta situación non dea volta atrás; porque ENCE ten os pes de barro pero as mans moi longas e non vai parar de utilizar a mentira e a chantaxe (ao que agora chama PLAN SOCIAL!) para mercar persoas e colectivos, para mercar vontades e estómagos agradecidos. E non dubidará tampouco en seguir utilizando aos seus traballadores como forza de choque fronte a quen nos opoñemos á súa presenza na Ría e na defensa dos seus intereses empresariais.

Hoxe mesmo, as forzas de ocupación organizadas no triunvirato “comité de empresa, partido e sindicato”, sairán á rúa para facer unha demostración de forza para tratar de manter uns anos máis a fronteira ilegal de Lourizán, unha fronteira que lle reporta á empresa enormes beneficios a costa do empobrecemento ambiental, territorial e económico da comarca e do monte galego, un monte que, inzado de eucaliptos, sofre ano tras ano a perda da diversidade e a lacra dos lumes, froito en ámbolos casos dunha nefasta política forestal ditada polas direccións de ENCE e as fábricas de taboleiros.

Están no seu dereito, pero os traballadores deberían entender que erran cando dirixen as súas iras cara ao Concello, a Deputación ou a APDR, porque o seu inimigo téñeno na casa e deberan ser os primeiros en esixirlle que busque no traslado a continuidade dos seus postos de traballo.

A nosa resposta virá da man dunha nova MARCHA CONTRA CELULOSAS, unha nova marcha que terá que ser moi contundente e que ben puidera ser a derradeira! Pechada xa ELNOSA, e cunha CELULOSA que cambalea, que desde a decisión de Costas leva perdido máis de 225 millóns de euros de valor en bolsa, non resta máis que darlle o empurrón final a un complexo que temos que tirar fóra da nosa Ría e das nosas vidas! Está nas nosas mans, nas vosas, conseguilo!

As fronteiras están para seren derrubadas, derrubemos a nosa!

 

 

Ver abaixo os dous vídeos da lectura do manifesto:

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print