Resposta da APDR ao Sr. Casal, director territorial de ENCE


Sr. Casal: Resulta evidente que Vde. está obrigado a defender o informe da empresa IDOM, un informe que, entendo, foi pagado por ENCE e que desde a APDR cuestionamos no que se refire á imposibilidade de encontrar na Galiza emprazamentos que poidan acoller a instalación dunha fábrica de pasta de papel. A este respecto, direille que na asociación que presido, mantemos punto por punto a posición que fixemos pública hai uns días; porque, tal como se deduce dos datos facilitados por ENCE, o informe analiza as posibilidades de instalar noutra zona de Galicia unha fábrica coas mesmas necesidades que ten hoxe a de Lourizán, algo que non se axustaría á nova fábrica que, hipoteticamente, podería instalar ENCE noutro emprazamento galego. Non é o mesmo buscar unha localización para unha fábrica cunha demanda de auga de 43.200 m3/día e un vertido doutros 43.200 m3/día (datos do informe, facilitados por ENCE) que para unha que tan só demande e verta 4.000 m3/día, promesa de ENCE no seu “libro verde-verdadeiro” para a “nova fábrica de Lourizán”. E vendían Vdes. estas novidades con frases coma estas “Estamos a traballar nun proxecto absolutamente pioneiro en España, o Novo Ciclo da Auga na nosa fábrica de Lourizán” “Xa temos 6 propostas para desenvolver o proxecto. Queremos empezar canto antes”. O “libro” ao que me estou a referir é do 2016, e é de supoñer que haberá xa adiantos que mesmo permitan melloras sobre estes datos, polo que ENCE, de pensar no traslado, estaría a asumir esta nova tecnoloxía. Xa que logo, non se sostén que non existan posíbeis localizacións na Galiza para unha fábrica con estas necesidades de captación de auga e vertido!. E para concluír neste sentido non fai falta ter experiencia nin preparación técnica na fabricación da celulosa, Sr. Casal!

O que pasa, Sr. Casal, é que Vdes. non queren asumir ese traslado porque non lle resulta rendíbel economicamente. E así o admite o Sr. Colmenares cando di “se saímos de Lourizán, irémonos fóra do estado español, onde a madeira e a man de obra sexan máis baratas”. Nada dixo de que non houbese alternativas! E eses mesmos criterios, os económicos, eran esgrimidos por Vdes. no “libro verde do 2016”… “unha nova fábrica custaría entre 700 e 800 millóns de euros. E non sería viable economicamente”… nin unha liña para falar da imposibilidade doutros emprazamentos!

E, polo que fai á prórroga, Sr. Casal, insisto en cualificala de ilegal, pero non porque o decida eu así; que a concesión foi contraria á Lei vén de determinalo a avogacía do Estado. A Lei de Costas do 2013 di claramente que o tempo máximo de permanencia dunha instalación en dominio público marítimo-terrestre é de 75 anos, entendéndose estes anos inclúen o prazo inicial concedido como o das posíbeis prórrogas. Só así se pode diferenciar unha concesión dunha propiedade privada! E a prórroga de 60 anos concedida por Mariano Rajoy permitiríalle a ENCE permanecer en dominio público un total de 115 anos. Ademais, por Lei tamén, ENCE non podería ter recibido prórroga ningunha, porque estas resérvanse para aquelas instalacións que “pola súa natureza” (non polo seu interese, capricho ou dificultades económicas) teñan que estar en dominio público; e insisto, Sr. Casal, NON É O CASO DE ENCE! A súa concesión, en “boa lei”, caducou no 2018, e vai sendo hora de que o vaian asumindo!

E, por suposto, Sr. Casal, os tribunais tomarán decisións e nós agardamos que a sentenza da Audiencia Nacional sexa favorábel ás nosas posicións porque son acordes coa Lei; pero, de non ser así, non teña ningunha dúbida de que recorreremos ata onde faga falta.

Xa por último, Sr. Casal, deixen de utilizar ese ridículo termo de “biofábrica” para falar da fábrica que ENCE ten en Pontevedra; porque, se o que pretenden indicar é que se trata dunha fábrica respectuosa co medio ambiente, unha fábrica “verde”, nada máis lonxe da realidade. Porque, o único verde que ten esa fábrica é a cor das garabatas dos seus directivos!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print