Carta aberta a Ignacio Colmenares


Sr. Colmenares (“Consejero delegado de ENCE”)

Veño de ler a carta que remite Vde. a Agustín Fernández, candidato do PSOE á alcaldía de Pontevedra, e teño que dicirlle que, sinceramente, non salgo do meu asombro pola probeza dos seus argumentos. Porque pretende Vde. converter en verdades indiscutíbeis o que non son máis que ocurrencias interesadas.

Fala Vde. de que non é posíbel trasladar ENCE a outro lugar e volta repetir esa absurda e pueril teoría de que a ENCE non se lle poden poñer rodas! Evidentemente, calquera traslado supón pechar a fábrica de Lourizán para abrir outra nun novo emprazamento, cunha nova tecnoloxía e sen os problemas que ENCE provoca nos recursos naturais, no medio ambiente, na economía da comarca e na saúde e calidade de vida das persoas que nela viven. Por iso nós falamos de PECHE da actividade en Lourizán, porque este peche non implica necesariamente que non se poida abrir outra nun novo emprazamento. O traslado é viábel pero Vdes. non o queren acometer! E ese é un problema que teñen que afrontar Vdes. Se non queren investir na Galiza nin no resto do Estado, vaianse fóra, pero non digan que non se pode facer o traslado, digan a verdade, digan que non queren facelo!

Déixese de contos Sr. Colmenares! Non nos fale de que se xustificou a imposibilidade do traslado, porque o informe ao que se refire (pagado por ENCE) está feito pola mesma empresa que hai uns anos xustificou a necesidade de instalar unha segunda celulosa na Galiza, e mesmo asignáballe varios posíbeis emprazamentos. E, polo que fai ás necesidades que require ENCE, semella que xa se esqueceu Vde. do “Novo ciclo da auga” que vendían no seu mentireiro “libro verde” e que contemplaba unha redución do 90% no consumo de auga do Lérez e no volume de vertido á Ría. E o mesmo poderiamos dicir sobre as necesidades enerxéticas da “nova ENCE”!

E, por favor, deixen de falar de inseguridade xurídica, porque falando de ENCE, a inseguridade padecémola sempre as cidadás e cidadáns! Esqueceu xa que cando mercaron a empresa a prezo de saldo, sabían que a concesión caducaba no 2018? Porque non falou Vde. de inseguridade xurídica cando Mariano Rajoy, cun goberno en funcións, concedeulle a ENCE unha indecente prórroga que se demostrou agora ilegal? Porque non cando se eliminou o RAMINP, cando se lle concedeu unha AAI de forma irregular e aplicándolle un acordo de supramunicipalidade de forma absolutamente impresentábel para pasar por riba da legalidade urbanística do Concello de Pontevedra? Porque non falou de inseguridade xurídica cando se modificou a Lei de Costas ou cando se decretou que non existen causas de caducidade total da concesión outorgada a ENCE no 1958? Non se pode falar de inseguridade xurídica cando un goberno, aplicando a legalidade vixente, anula unha decisión anterior por non se axustar a dereito. O que hai, Sr. Colmenares, é unha absoluta falta de responsabilidade social por parte da empresa da que Vde. é Consejero delegado!

E, xa por último Sr. Colmenares, deixen tamén de utilizar ese ridículo termo de “biofábrica” para falar da fábrica que ENCE ten en Pontevedra; porque, se o que pretenden indicar é que se trata dunha fábrica respectuosa co medio ambiente, unha fábrica “verde”, nada máis lonxe da realidade. Porque, o único verde que ten esa fábrica é a cor das garabatas dos seus directivos!

 

Ver tamén outro artigo relacionado: https://www.apdr.info/wp/2019/04/01/fronte-a-chantaxe-responsabilidade/

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print