A APDR congratúlase pola decisión da “Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar” do “Ministerio de Transición Ecológica” verbo da prórroga de ENCE en Lourizán
Sen esquecer a prudencia que esixe o caso en tanto non reciba a notificación oficial de Costas, a “Asociación Pola Defensa da Ría” quere expresar a súa satisfacción pola decisión da “Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e o Mar” de “allanarse” ao recurso que a Asociación presentou no seu día contra a prórroga concedida a ENCE polo goberno de Mariano Rajoy, unha prórroga que desde a APDR non dubidamos en considerar irregular, inxusta e mesmo ilegal.
Atendendo aos criterios manifestados nos nosos recursos, e transmitidos persoalmente na entrevista que mantivemos en Madrid o pasado mes de setembro, a Directora Xeral de Costas, Ana María Oñoro, vén de comunicar que non existen razóns que xustifiquen a permanencia de ENCE nos terreos de dominio público en Lourizán. Trátase dunha decisión de carácter técnico, que debería supoñer o freo ás pretensións da empresa pasteira de permanecer en Lourizán ate o ano 2073 e que abriría as portas á recuperación da Ría para o que é a súa vocación natural, que non é outra que o marisqueo, a pesca e o turismo sostíbel.
Para a APDR, que considera que existen as mesmas razóns para decretar a caducidade da concesión de ENCE que no caso da fábrica de cloro e sosa, este é un primeiro paso para conseguir o fin da actividade de ENCE en Lourizán, un obxectivo irrenunciábel para a asociación ecoloxista e para a ampla maioría da cidadanía da comarca. Neste sentido, continuará utilizando todos os medios ao seu alcance para que, máis pronto que tarde, este obxectivo se faga realidade.