Homenaxe ás mariscadoras que hai 60 anos se opuxeron á chegada de ENCE á Ría de Pontevedra


DOMINGO 10 DE FEBREIRO ÁS 12 H NO SALÓN DE ACTOS DO COLEXIO DE OS PRACERES EN LOURIZÁN.

HOMENAXE ÁS MARISCADORAS QUE HAI 60 AÑOS SE OPUXERON Á CHEGADA DE ENCE Á RÍA DE PONTEVEDRA

Organiza: Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) e Plataforma Non á Ampliación da Depuradora dos Praceres

Debuxo de Rosa Fernández Caamaño. 1ª Premio do Concurso de cartaces sobre medio ambiente (2007). APDR

Homenaxe as mariscadoras que loitaron de forma continuada -e por todas as vías ao seu alcance- contra a realización dos recheos na Ría e a instalación da fábrica de CELULOSAS. Porque aquelas mulleres, que se opuxeron ás obras de recheo da Ría, realizando manifestacións e concentracións pacíficas pero tamén boicoteando os traballos da empresa, non dubidaron en facer fronte ao exército franquista na tarde do 10 de febreiro do ano 1959, un enfrontamento no que os mariñeiros do Hernán Cortés, a baioneta calada, exerceron unha brutal represión armada contra elas e que tivo como resultado  a detención de 14 mulleres (Lola Portas ‘A de Portas’, Josefa ‘A Furada’, Carme ‘A Chamaca’, Elvira Otero ‘A do Chamaco’, ‘Seña Estrella Do Cabo’, Pilar Area ‘A Sotilla’, María Lameiro ‘A Portuguesa’, Josefina Barcia, Candela Moledo, Josefina Vazquez ‘A Leona’, Aurora Peón, Argentina Pazos ‘A Carriola’, Consuelo Pazos ‘a Carriola’, Pilar Dios ‘A de Pascual’, Isaura Pazos Ferreirós). Actualmente só viven dúas e unha feble saúde. Tamén impuxeron numerosas multas entre a veciñanza de Lourizán. Porque non debemos esquecer que enfrontarse ao exército en tempos da ditadura franquista, podía ser motivo de Consello de guerra nin que houbo ameazas neste sentido.

Todas as fontes indican que nestas accións participaron máis de 500 persoas, entre as que había un número reducido de homes. Persoas que deben ser recoñecidas coma un exercicio de “Memoria histórica”. Trátase dunha das máis importantes loitas desenvolvidas na nosa comarca, unha loita protagonizada polas mariscadoras, sempre en feminino, que non pode caer no esquecemento.

A diferenza do que ocorre hoxe en boa parte do sector, souberon ver máis alá dos seus limitados intereses persoais, máis alá da defensa do seu sustento diario e do pan dos seus fillos e fillas; sabían que estaba en xogo tamén un medio de  vida herdado dos seus maiores e que elas tiñan a obriga de transmitir aos seus fillos e fillas, un medio de vida baseado na explotación racional dos recursos naturais da pesca e o marisqueo que era necesario defender da rapina franquista.

O comportamento destas mulleres ten que ser un exemplo para quen aspiramos a recuperar a nosa Ría para o que ten que seguir a ser a súa vocación natural, que non é outra que a explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros e turísticos.

Foron mulleres que loitaron na defensa da ribeira, no que foi o comezo doutras tantas aberracións cometidas ata o día de hoxe.

O acto foi presentado por Tareixa Alonso de Pavís Pavós, introducido por unha curtometraxe de Lukas Santiago e animado polo grupo musical “Ghalos do Curral”. Contou coa presenza dunha das dúas mariscadoras vivas que foron encarceradas polas movilizacións, Isaura Pazos Ferreirós (Pilar Dios está con feble saúde). Isaura estivo acompañada no acto dun grupo de mariscadoras (Concepción Freiría, Erundina Abreu, Dolores Rosales, Visitación Núñez, Jesusa Mora e Adolfina Moledo) que tamén participaron en ditas movilizacións: lembraron as súas experiencias na defensa da ribeira e recibiron como agasallo un debuxo enmarcado de Rosa Fernández Caamaño. Tras un petisco coas persoas asistentes, o acto culminou coa colocación dunha placa en Lourizán coa inscrición “Ás mariscadoras que hai 60 anos loitaron contra a instalación da Celulosa, un exemplo de dignidade que non pode caer no esquecemento”.

 

Ver fotos do acto, abaixo ou facendo click na Galería de fotos do Faceboock da APDR:

 

 

Ver 3º trailer do documental “Paraiso roubado” que sintetiza a curtometraxe proxectada no acto:

Ver abaixo vídeos da presentación do acto polos colectivos organizadores:

Ver abaixo vídeos das mariscadoras presentes na homenaxe:

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print