A “APDR” propón para os “Cidade de Pontevedra”, ás mariscadoras de Lourizán que hai 60 anos opuxéronse á chegada de ENCE á ría


1959/2019: ANIVERSARIO DA REPRESIÓN (a baioneta calada) E CADEA ÁS MARISCADORAS DE LOURIZÁN na súa loita contra ENCE

De forma excepcional por se tratar do 60 aniversario dunha loita que ao seu entender é merecente do recoñecemento do Concello de Pontevedra e do conxunto da cidadanía da comarca, a APDR vén de propoñer para os Premios “CIDADE DE PONTEVEDRA-2018”, a candidatura das mariscadoras de Lourizán que loitaron de forma continuada -e por todas as vías ao seu alcance- contra a realización dos recheos na Ría e a instalación da fábrica de CELULOSAS.

En efecto, para a APDR, trátase dunha loita que reúne méritos abondo para seren recoñecida con tan prezado galardón.

1.- En primeiro lugar porque aquelas mulleres foron quen de entender que o proxecto que se lles presentaba daquela en nome dun suposto progreso industrial polas elites franquistas, un proxecto que abriría as portas ao futuro económico e social da comarca, non podía traer máis que pobreza e destrución para ás xentes do mar.

Porque, a diferenza do que ocorre hoxe en boa parte do sector, souberon ver máis alá dos seus limitados intereses persoais, máis alá da defensa do seu sustento diario e do pan dos seus fillos e fillas; sabían que estaba en xogo tamén un medio de  vida herdado dos seus maiores e que elas tiñan a obriga de transmitir aos seus fillos e fillas, un medio de vida baseado na explotación racional dos recursos naturais da pesca e o marisqueo que era necesario defender da rapina franquista.

2.- En segundo lugar, porque é preciso recoñecer a súa valentía.

Porque aquelas mulleres, que se opuxeron ás obras de recheo da Ría, realizando manifestacións e concentracións pacíficas pero tamén boicoteando os traballos da empresa, non dubidaron en facer fronte ao exército franquista na tarde do 10 de febreiro do ano 1959, un enfrontamento no que os mariñeiros do Hernán Cortés, a baioneta calada, exerceron unha brutal represión armada contra elas e que tivo como resultado  a detención de 14 mulleres (das que, lamentabelmente, hoxe só viven dúas e cunha feble saúde)  e a imposición de numerosas multas entre a veciñanza de Lourizán. Porque non debemos esquecer que enfrontarse ao exército en tempos da ditadura franquista, podía ser motivo de Consello de guerra nin que houbo ameazas neste sentido.

Porque, sen lugar a dúbidas, o comportamento destas mulleres ten que ser un exemplo para quen aspiramos a recuperar a nosa Ría para o que ten que seguir a ser a súa vocación natural, que non é outra que a explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros e turísticos.

Pero, tamén se debe recoñecer coma un exercicio de “Memoria histórica”. Trátase dunha das máis importantes loitas desenvolvidas na nosa comarca, unha loita protagonizada polas mariscadoras, sempre en feminino, que non pode caer no esquecemento. E máis se temos en conta o importante labor que o Concello de Pontevedra vén desenvolvendo no eido da “Memoria das mulleres”.

Todas as fontes indican que nestas accións participaron máis de 500 persoas, entre as que había un número reducido de homes; e aínda que a APDR quixera personalizar esta loita -e o propio premio “Cidade de Pontevedra”- naquelas 14 que sufriron cadea, entendemos que calquera das mariscadoras que participaron naquela loita e que aínda viven, serían dignas representantes do colectivo á hora de recoller o premio.

 

Ver 3º trailer do documental “Paraiso roubado”:

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print