A “APDR” presenta alegacións contra as obras na EDAR de Os Praceres


A “Asociación Pola Defensa da Ría” vén de presentar alegacións contra ás obras de mellora da EDAR de Os Praceres, unhas obras condicionadas pola construción dunha nova depuradora no ano 2023 e para a que, segundo Augas de Galicia, requírese unha superficie significativamente superior á que ocupa a actual EDAR. Neste sentido, a APDR esixe a retirada do anteproxecto e que se someta á información pública o proxecto futuro para a EDAR de Os Praceres.

Ademais, a APDR -que cuestiona o apriorismo de que a EDAR de Os Praceres ten que recoller e tratar as augas residuais urbanas procedentes dos Concellos de Pontevedra, Marín, Poio, parte das de Vilaboa e as do Porto de Marín- considera prioritario, con anterioridade a calquera nova EDAR, mellorar a rede de saneamento que transporta as augas residuais ata Os Praceres, unha actuación que evitaría a entrada de augas que non precisan seren tratadas na EDAR, redundaría na súa eficacia e, moi probabelmente, faría innecesaria a actuación agora proposta.

Para a APDR, os condicionantes establecidos pola Xunta (caudais e cargas de deseño, superficie de terreo dispoñíbel, e prazo de execución das obras) limitan en exceso a busca de solucións, xa que impiden considerar algunha das mellores tecnoloxías existentes para o tratamento das augas residuais urbanas; neste sentido, convén indicar que dúas das tres tecnoloxías estudadas, foron descartadas pola imposibilidade de rematar as obras no prazo de 12 meses esixido. Na práctica, a solución adoptouse en base aos prazos de realización das obras e ao seu custe, e non pola súa eficacia á hora de cumprir os límites de vertido esixidos pola lexislación.

Resulta especialmente preocupante que se desbote a posibilidade de utilizar a tecnoloxía SBR (de Reactores Biolóxicos Secuenciais), unha tecnoloxía que consideran inviábel polas necesidades de espacio, cando se trata dunha tecnoloxía compacta, con necesidades de superficie reducidas, que se adapta perfectamente ás necesidades requiridas neste caso, e que foi utilizada con éxito en moitos lugares de climatoloxía semellante á nosa, como Irlanda ou Holanda, e mesmo na EDAR de Ourense.

Finalmente, a APDR considera unha falacia que se afirme que a decisión sobre a tecnoloxía a utilizar nesta obra tomouse logo de consultar con tecnólogos de “referencia mundial”, xa que no prego de condicións da convocatoria figura como condición o uso da tecnoloxía elixida.

A APDR esixe a retirada do anteproxecto e que, de non facelo, se consideren as súas alegacións e se estude a posibilidade de optar pola tecnoloxía SBR, que podería dar solución ao problema sen necesidade de maior espazo nin agora nin para posíbeis ampliacións futuras.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print