A APDR presenta recurso de alzada contra a revisión da AAI de ENCE


IMG-20181205-WA0013

Foto da concentración na Peregrina polo incendio en ENCE o 05.12.18

A “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), vén de presentar Recurso de alzada contra a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia pola que se revisa a Autorización Ambiental Integrada da fábrica de ENCE, unha revisión que admite varias das alegacións da Asociación pero que, basicamente, da resposta ás esixencias de ENCE e non á necesidade de preservar a calidade das augas da Ría para o marisqueo e o turismo, actividades de interese xeral na nosa comarca.

prorrogas.non.grazas.brAcéptase que ENCE ten que cumprir os límites de vertido á Ría non só en carga contaminante (Q/día), senón tamén en concentración, en mg/L, unha reivindicación que mantemos na APDR desde o momento no que se concedeu a primeira AAI á empresa; fíxanse os límites propostos por nós para o vertido de Nitróxeno (N2) e Fósforo (P), os que fixa a Directiva 91/271/CE, e admítese que debe modificarse a catalogación inicialmente asignada á factoría en función da potencia da caldeira de biomasa.

Porén, e polo que fai aos límites de emisión de contaminantes á atmosfera, fíxanse valores que superan os límites establecidos na lexislación ambiental, e non se ten en conta que a actual rede de estacións de control da calidade do ar é insuficiente (só existen dúas estacións, unha no Areeiro e outra en Campelo) nin que está situada de forma que non recolle as emisións da fábrica de Lourizán, ben por non estar na dirección dos ventos dominantes, ben por atoparse “apantallada” por vexetación e outros obstáculos. Deberíanse establecer un maior número de estacións de control e situalas de forma adecuada; e non se debería deixar en mans de ENCE – como se propón na resolución- a busca de novas localizacións.

Mantéñense os actuais límites de emisión de ruído, sen ter en conta que son moitas as persoas que viven nas proximidades da factoría e que veñen manifestando hai tempo as molestias que lles causa a empresa con estas emisións.

Polo que fai aos vertidos á Ría, a parte máis controvertida ao noso xuízo da resolución, dicir que:

1.- Non se fixa un caudal de vertido máximo diario,establecéndose exclusivamente un máximo anual, o que facilita a dilución do vertido, unha práctica ilegal que ENCE realiza a miúdo.

2.- Mantense o actual punto de vertido a pesares de admitir a Xunta que ten provocado unha forte afección directa no polígono de bateas Portonovo A, na calidade das augas de baño, e no borde litoral da illa de Tambo.

3.- Fíxanse uns límites de vertido para os parámetros Sólidos en suspensión (SS), Demanda bioquímica de osíxeno (DBO) e Demanda química de osíxeno (DQO) que, a pesares de ser algo menores que os fixados na AAI inicial, superan con moito os establecidos na Directiva 91/271/CE.

E dedícase unha parte importante da valoración das nosas anteriores alegacións, precisamente a tratar de xustificar a non aplicación da Directiva europea ás augas de vertido de ENCE, ignorando na práctica a definición de “augas residuais urbanas”, e utilizando argumentos que en moitas ocasións falsean a realidade. Así, entran en contradición coas súas propias definicións oficiais ao negar a condición de infraestrutura de saneamento ao emisario submarino, ou terxiversan algunha das definicións legais que recolle a lexislación europea e española en materia de vertidos.

Para a APDR, a Xunta de Galicia tería que ter en conta que a Ría é unha zona declarada sensíbel e que a súa vocación natural é a dos cultivos mariños e o turismo, unhas actividades que precisan dunhas augas saneadas, e, coherentemente, fixar -cando menos- os límites de SS, DBO e DQO establecidos na Directiva 91/271/CE, como se fixo para os nutrientes. Neste sentido, solicítase  que se teñan en conta as novas alegacións presentadas agora, e se modifique a actual resolución incluíndo nela as nosas propostas.

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print